domingo, 28 de decembro de 2008

Ensalada de brócoli

Ben, pois aquí estamos de novo. Despois dun paseo matinal pola beira do río, estamos de volta na casa para facer a comida e pasar o día dos inocentes facendo algo de "nadación", que é un deporte ó que somos bastante afeccionados...jj.

Onte preparamos Ensalada de brócoli, un prato moi doado de facer e que está moi bo (incluso para aqueles ós que non lles gusta o brócoli e incluso para aqueles ós que non lles gusta o mel).

Este prato é un habitual na carta do Pena Vixía, un restaurante da zona vella que nos gusta bastante (algún día farei unha sección neste blog dedicada a restaurantes). Non sei se é exactamente igual á que preparan alí, pero paréceselle bastante, e o resultado non está nada mal.

En realidade non é unha ensalada ó uso, pero recibe ese nome tanto pola variedade de ingredientes que se xuntan no prato, como pola sua apariencia, sen embargo é un prato quente que senta moi ben nestes días de frío.




INGREDIENTES (para 2 persoas):


- 2 brócolis (ou 1 grande)

- 5 ou 6 pementos de piquillo

- Un puñado de noces

- Unha loncha gorda de queixo curado

- Unha cullerada de mel

- Sal

1. O primeiro é cocer o brócoli. Hai que ir separando os bastonciños e poñelos a cocer cun chisco de sal. Nos, para facelo empregamos un fervedor de bambú para cocer ó vapor que mercamos hai xa algún tempo por Internet, e que, por certo, foi unha das mellores compras que fixemos. Non se deben cocer demasiado (arredor de 4 ou 5 minutos), porque abrandarían demasiado e non quedarían ben. Deben quedar al dente.

2. Mentres vai cocendo o brócoli imos preparando os demais ingredientes: imos cortando os pementos en tiras (eu tamén lles retiro as sementes, porque non resulta moi agradable atopalas entre os dentes), pelando as noces (deixándoas o máis enteiras posible) e cortando o queixo en dados.

3. Despois de cocer o brócoli, botámolo nunha tixola grande con algo de aceite de oliva e deixamos que colla algo de cor.


4. Botamos as tiras de pemento na tixola co brócoli e engadimos as noces. Dámoslle unhas voltas a todo e botamos tamén unha cullerada de mel.

5. Por último, apagamos o lume e botamos na mesma tixola os dados de queixo, deixándoos o tempo xusto de dar unhas voltas e verter nunha fonte ou directamente nos pratos.



Bo proveito!!

2 comentarios:

  1. Hola! Acabo de facer a receita da ensalada de brécol e está boísima pero creo que cocín un pouco de máis a verdura. Je!!!!
    Grazas por dar boas ideas e facer que a cociña resulte atractiva.

    ResponderEliminar
  2. Ola Cris, alégrome de que che gustase. Eso tamén me pasou a min algunha vez. Ás veces é difícil coller o punto exacto de cocción das verduras. Desde entón fago que o brécol tire un pouco a cru e listo. Grazas a ti por seguir este blog.
    Un bico

    ResponderEliminar