xoves, 29 de xaneiro de 2009

Yes, can we...?


Hoxe rematou o concurso de cociña Bocuse d'Or, celebrado na cidade francesa de Lyon, como parte do Sirha ou o que é o mesmo, o Salón Internacional da Restauración, a Hostalería e a Alimentación. O Bocuse d'Or está considerado como o concurso gastronómico máis importante e máis prestixioso do mundo.

Os escandinavos, como era de agardar, volveron a copar os primeiros postos, xunto cos franceses.

Gañador: Noruega
O gañador foi o equipo noruego co chef Geir Skeie á cabeza, que recibirá como premio, ademais do trofeo de ouro, un premio en metálico que ascende a 20.000€.


O segundo clasificado foi o equipo sueco capitaneado por Jonas Lundgren , que recibirá o trofeo de prata e 15.000€ en metálico.



E o terceiro clasificado foi o equipo francés de Philippe Mille, do restaurante do Hôtel Le Meurice de París, e que recibirá, ademais do trofeo de bronce, un premio en metálico de 10.000€.

O noso representante, Ángel Palacios, do madrileño restaurante La Broche, quedou nun discreto 20º posto dun total de 24 participantes, aínda que o obxectivo español era quedar entre os seis primeiros clasificados. Aquí vos poño a ligazón á clasificación final na que aparecen tódolos participantes.

Geir Skeie é o chef do resturante Mathuset Solvold, de Sandefjord, e xa resultara vencedor do Bocuse d'Or europeo celebrado o pasado verán.


Tódolos participantes tiñan a obriga de usar bacallao noruego para o prato de peixe e carne de vacún da raza Aberdeen Agnus escocesa para o prato de carne.

O seu prato de peixe para esta ocasión era Bacallao con kokotxas "lixeiramente afumadas", chícharos, gambas, cebola, e acompañamento de dados de remolacha con boniato e trufas negras, e unha emulsión de Riesling:


A carne preparouna con foie gras de pato e moita trufa negra.


Cando subíu a recibir o premio, Geir berrou a xa famosa frase de "Yes, we can", o lema da campaña de Barack Obama nos Estados Unidos. O que debían estar pensando os españois cando o oíron sería "Yes, can we...?", por iso de que en practicamente tódalas edicións deste concurso saíron vencedores os escandinavos ou os franceses.

O ano que vén celebrarase en Suiza a edición do Bocuse d'Or europeo, como paso previo ó Bocuse d'Or mundial de dentro de dous anos. Esperemos que o representante español (a min gustaríame moito que fose galego) acade un mellor posto. De tódolos xeitos, non se debe esquecer que o mero feito de estar presente é xa de por si todo un premio.

luns, 26 de xaneiro de 2009

Que boa parella fan...!!

Esta frase que se aplica tan habitualmente a aquelas parellas que, a priori, parecen complementarse perfectamente, sérveme hoxe a min para falar dunha parella que a min me cae moi ben. Pero esta vez non se trata de dúas persoas, senón de dúas bebidas que combinan francamente ben: xenebra e tónica.

Si, hoxe vou falar do meu cóctel favorito, e o de moitas persoas máis: O Gin&Tonic.

Para empezar, podemos comezar polo nome mesmo do cóctel, o cal, se se escribe co simboliño & (and) no medio, se debería ler "gin and tonic" ,coa conxunción, e non sen ela, como é habitual en España.

Xenebra.

Esta bebida alcólica foi inventada no século XVII por Franciscus Sylvius de la Boeel, un profesor de mediciña da Universidade de Leiden (Holanda). Este médico estaba intentando atopar un remedio contra os cálculos biliares e afeccións renais, e utilizando alcol obtido de cebada, centeo e millo con grans de xenebreiro (enebro) obtivo un novo preparado ó que lle chamou "Genièvre" (xenebreiro en francés), "Jenever" en holandés, e que se converteu en "Gin" en inglés.As baias de xenebreiro son os que lle dan o seu sabor característico á xenebra.

Xenebreiro (Juniperus communis)

A cidade holandesa de Schiedam foi o berce desta bebida, e Holanda foi durante moito tempo o principal produtor de xenebra. Despois fíxose moi popular nas Illas Británicas, chegando incluso a darlle o nome de London Dry Gin ó estilo máis popular de xenebra, que como o seu nome indica, é máis seca que o estilo holandés Schiedam ou Hollands.

Tónica.

Esta bebida, tal e como hoxe a coñecemos, é dicir, carbonatada, foi inventada por Johann Jacob Schweppe, empresario alemán nacido en 1740 e creador da marca Schweppes. Parece ser que a este home lle gustaba investigar os efectos do aire na auga. Schweppe estableceu en Londres unha fábrica de refrescos e auga de soda. Anos máis tarde ocurríuselle engadir quinina a esta auga de soda co que apareceu a auga tónica. Curiosamente, este home morreu na cidade suiza de Xinebra...

Pero, nin Schweppe foi o primeiro en investigar os efectos do aire na auga (foi Joseph Priestly, un investigador inglés, uns anos antes), nin foi o primeiro en usar a quinina como condimento nunha bebida. Explícome.

Disque fomos os españois os primeiros en empregar a casca do quino (Cinchona pubescens) como remedio contra a malaria, aínda que os incas xa coñecían as propiedades terapéuticas desta árbore. Aconteceu arredor de 1630 cando Ana de Osorio, Condesa de Chinchón, dona do virrei do Perú, enfermou de malaria, e curou grazas á inxesta dun preparado que contiña quinina. Se vos fixades no nome científico da árbore da quina (quino) que mencionéi antes, aparece a palabra Cinchona, que fai referencia á condesa de Chinchón. E outra curiosidade, a árbore da quina aparece no escudo de armas oficial do Perú, porque este país é un dos principais produtores de quinina do mundo. Parece ser que esta árbore está entrando no pouco afortunado grupo das especies en perigo de extinción.

Árbore da quina (Cinchona pubescens)

A quinina, coñecida por aquel entón como "po dos xesuítas" ou "po da condesa" pasou bastante tempo desapercibida, a pesares de ter curado a tan ilustres personaxes como a anteriormente mencionada Condesa de Chinchón, ou Carlos II de Inglaterra, que tamén se beneficiou das propiedades da quinina en 1679 para curarse da "febre". Non foi ata a década de 1820 cando os oficiais do exército inglés destacados na India misturaron auga, azucre e quinina para previr a malaria, fabricando así a primeira auga tónica india. E para facela máis agradable de beber, engadíronlle un pouco de xenebra, creando así o primeiro Gin&Tonic da historia.

Como se prepara un Gin&Tonic?

Evidentemente, nesto dos cócteles, inflúe sobre todo o gusto de cada quen, e como todo o mundo sabe, sobre gustos non hai nada escrito. O que si é certo é que sempre deben aparecer os dous ingredientes dos que falamos antes: xenebra e tónica. Agora ben, cal é a mellor xenebra e a mellor tónica para preparar este cóctel? Volvo a repetir, iso vai no gusto de cada quen. No que si parece estar todo o mundo de acordo é que non se dede utilizar nunca o zume de limón, porque os ácidos deste reaccionan de maneira inmediata co bicarbonato da tónica facendo que axiña se quede sen forza. Para darlle un toque cítrico debe empregarse só a pel do limón (mellor se está verde) ou da lima.

En canto ás proporcións para facer un Gin&Tonic perfecto podemos tomar como referencia ás aportadas por Joaquín Fernández, cocteleiro do Pub Dickens de Donostia, que foi o vencedor do I Campionato Nacional de Gin&Tonic e 2º clasificado no Campionato Mundial de Coctelería que se celebrou en Xapón no ano 2000, así que disto algo debe de saber...

INGREDIENTES:
- 8 cubos de xeo macizo e sen cloro (de auga mineral ou desionizada)
- 2/10 partes de xenebra
- 8/10 partes de tónica
- 3 láminas finas (twist) de limón verde.

PREPARACIÓN:
1- Poñer o xeo na copa ou vaso ancho (nada de vaso de tubo!!)e realizar dous twist de limón rascando con dúas pinzas de xeo a tira de pel para posteriormente enroscala sobre si mesma.

2- Escanciar a xenebra, e logo, moi suavemente a tónica.

3- Remexer un par de veces con culleriña longa e aromatizar co derradeiro twist de limón.

4- Desfrutar.

Aquí vos poño unha ligazón a un artigo de Raimundo García del Moral para Lo Mejor de la Gastronomía, no que podedes ler un artigo completo sobre o Gin&Tonic e ver as fotos de Joaquín Fernández preparando este cóctel: Gin Tonic: una bebida mítica.

Eu emprego a Tanqueray nº10 combinada con tónica Fever-Tree.

A Tanqueray nº10 (tamén coñecida como T-10) é unha xenebra inglesa de luxo, que se presenta nunha fermosa botella estilizada de 70 cl. Está elaborada a base de cítricos recén recolectados e outras froitas seleccionadas a man, como pomelo, laranxa e lima, misturado de maneira harmoniosa con grans de xenebreiro e realzado cun lixeirísimo toque de camomila. Ten unha gran suavidade e frescura a pesares do 47,3% de graduación alcólica. Unha xenebra que vai perfecta tanto para preparar un bo Gin&Tonic coma un perfecto Dry Martini.
Aquí vos poño a ligazón á páxina de Tanqueray por se lle queredes botar un ollo.


A Fever-Tree é unha tónica Premium Indian, aínda que fabricada en Inglaterra. Está elaborada con ingredientes totalmente naturais: quinina natural procedente de plantacións de árbore da quina de Ruanda (fever tree é a árbore da quina en inglés, de aí o nome desta tónica), azucre de cana, auga mineral, ácido cítrico e reladura de limón. Non contén ningún tipo de edulcorante, aromatizante, colorante ou conservante. Fai unha parella perfecta coa Tanqueray nº10 para a elaboración de Gin&Tonic.
Ata agora, que eu saiba, en España só se podía mercar no Club del Gourmet de El Corte Inglés, pero eu xa a merquéi en Haley e en Gadis. Preséntase en botellas de 20 cl., e o seu prezo anda por 1,35€ a botella.
Aquí vos poño a ligazón á páxina de Fever-Tree por se vos interesa.


Xa vos digo, xenebras hai moitas e moi boas, e tónicas hainas para tódolos gustos, só é cuestión de probar. Aquí vos poño unha ligazón a un estupendo blog onde podedes ver unha colección de xenebras e tónicas de alta gama que resultarían excelentes para preparar un Gin&Tonic perfecto: elitista.

E xa que estamos co Gin&Tonic, comentar unha curiosidade. Hai uns días atopéi nunha tenda desas de delicatessen un chocolate con sabor a Gin&Tonic (ou eso é o que pon o paquete).


Despois de probalo, dicir que é un chocolate que está moi rico, pero eu non lle atopo o sabor a Gin&Tonic, a verdade. Ten, xunto co sabor do chocolate con leite, un sabor a limón moi agradable. Non é nada amargo, que é o que eu agardaba, posto que tanto o chocolate como o Gin&Tonic comparten esa característica, aínda que se trata de dous amargores diferentes, por suposto.

É da marca Cacao Sampaka, marca catalana de chocolate de calidade, que ofrece dentro da mesma gama outros chocolates con diferentes sabores, como mora, framboesa, café, etc. Preséntase en dúas tabletas de 50 grs. cada unha.



E xa para rematar: Ferran Adrià, na súa ponencia en Madrid-Fusión de hai un par de anos, afirmou que o Gin&Tonic é a bebida preferida dos cociñeiros. Non sei se fixo unha enquisa entre tódolos cociñeiros, pero o que é seguro é que este cóctel vai gañando adeptos cada día...

Aquí poño a ligazón a outro post que fala sobre gin&tonic neste mesmo blog: Be aware of the dog...

sábado, 24 de xaneiro de 2009

Ministry of Food

Hai uns días comentéi que me fixeran un agasallo moi especial. Pois aquí está: trátase do último libro de Jamie Oliver Jamie's Ministry of Food, o que pasa é que non quería desvelalo ata estrealo facendo unha das receitas. Para iso escollín Peitugas de polo con Parmesano, receita que lle quero dedicar a Noelia e David por este detallazo que tiveron comigo.


A verdade é que xa lle tiña gañas a este libro, pero o caso é que aínda non está editado en España, e estaba esperando a que saíra aquí (máis que nada para irlle quitando partido ós libros seus que xa teño...). As receitas, para os que xa coñecedes o seu estilo, son bastante similares ó que xa nos ten acostumados, pero son receitas máis sinxelas e doadas de elaborar porque, como el mesmo di: "Este libro está inspirado en toda a xente que coñecín que pensaba que nunca podería cociñar nin aprender a facelo. Por suposto, para min que alguén me diga isto é o mesmo que amosarlle un capote a un touro, porque penso que a sinxela cociña caseira é un dos máis básicos instintos primarios que cada persoa deste planeta debería ter para coidar de si mesmo, da súa famila e dos seus amigos."

En fin, receitas para principiantes e tamén para xente que xa sabe cociñar pero que lle gusta facer receitas rápidas e sinxelas, pero deliciosas. De feito, o primeiro capítulo do libro titúlase Pratos de vinte minutos (Twenty-minute meals), con pratos que van desde unha simple Tosta de filete de terneira con champiñóns, ata unha Sopa asiática de polo con noodles, pasando por un Estofado de peixe marroquí con cuscús, etc.

O libro comeza cun apartado dedicado ós utensilios básicos que debemos ter na nosa cociña, e tamén ós igredientes que nunca deben faltar na nosa despensa. Tamén ten capítulos dedicados á Pasta rápida (Quick pasta), Fritos sabrosos (Tasty stir-fries), Curris sinxelos (Easy curries), Ensaladas adorables (Lovin' salads), Sopas sinxelas (Simple soups), Carne picada (Homely mince), Estofados reconfortantes (Comforting stews), Asados familiares (Family roasts), Deliciosos vexetais (Delish veg), Carne e peixe rápidos (Quick-cooking meat and fish), Peixe clásico (Classic fish), Almorzos revitalizantes (Kick-start breakfasts) e Cousas doces (Sweet things).

Aquí está o propio Jamie presentándonos o libro:



Se vos interesa, podedes botarlle unha ollada a algunhas destas receitas na súa web oficial (podedes atopar a ligazón á dereita) ou tamén na páxina de Ministry of Food. A ligazón é ésta: Jamie's Ministry of Food.

Ben, pois como dicía ó principio, o prato que escollín para inauguralo é o de Peitugas de polo con Parmesano (Parmesan Chicken Breasts), que aparece nas páxinas 242 e 243 do libro.

INGREDIENTES (para 2 persoas):

- 30 grs. de queixo parmesano
- 2 pólas de tomiño fresco
- 2 peitugas de polo, preferiblemente caseiro ou ecolóxico
- Pementa negra recén moída
- 1 limón
- 6 liscos de xamón serrano
- Aceite de oliva

PREPARACIÓN:

1- Rela o parmesano. Separa as follas de tomiño dos talos. Con coidado, fai unhas pequenas incisións cun coitelo pequeno en forma de cruz nas peitugas.

2- Adereza cun chisco de pementa negra recén moída (non necesitas sal porque o xamón xa é salgado). Coloca as peitugas unha ó lado da outra e bota por riba a maioría do tomiño. Rela tamén a pel do limón e bota as reladuras por riba, e bota tamén o parmesano relado.

3- Coloca 3 liscos de xamón por riba de cada unha das peitugas, facendo que se sobrepoñan un pouquiño. Pon un papel film por riba das peitugas e dálle uns golpes fortes co cu dunha tixola ata aplanar as peitugas ata 1 cm. de grosor.

4- Pon unha tixola a lume medio. Retira o papel film e pon con coidado na tixola as peitugas co lado do xamón cara abaixo. Cociña durante 3 minutos por cada lado, dándolle a volta e deixando o lado do xamón uns 30 segundos máis para que se poña crocante.

5- Serve as peitugas enteiras ou córtaas en tacos gordos e colócaas apiladas nos pratos. Serve cuns anacos de limón para espremer, e un chorriño de aceite de oliva. Perfecto con puré e con verduras, e tamén cunha ensalada.


Eu non uséi o limón, pero botéille un chisco de sal, pementa negra e tomiño polo lado que non leva xamón.

Recoméndovos tamén que merquedes unha cuña de parmesano e que o reledes no momento. Nós sempre temos unha na neveira. É un queixo que sae un pouco caro, pero cunde tanto que á larga sae barato. Ademais, se mercas unha bolsa dese parmesano que xa vén relado, se non o usas todo, ós poucos días xa está rancio, sen embargo, ó mercalo enteiro aguanta moito máis tempo na neveira, e o sabor deste é moito mellor. Eu uso un relador manual, moi barato, que rela o queixo de marabilla. Tamén, como el mesmo di no vídeo que vos poño a continuación, se pode usar Cheddar en lugar de Parmesano, e romero en lugar de tomiño.

Aquí vos poño unha ligazón ó vídeo do que vos falo: Parmesan Chicken Breasts with Crispy Posh Ham, e tamén un pdf coa receita por se a queredes imprimir: Parmesan Chicken Breasts (pdf)

Ben, xa só me queda dicirvos que vos animedes a probar esta receita, porque se fai tan rápido e o resultado é tan bo, que eu xa a teño incorporada ás miñas receitas fixas...

Moitas grazas, Noe e David.

luns, 19 de xaneiro de 2009

Tartaletas de paínzo e marmelo

O outro día estiven revisando o meu conxelador e descubrín, alá no fondo, uns tuppers de marmelo que fixen hai máis dun ano (este último ano non fixen ningún). Desconxeléi un deles para ver cómo estaba, e a verdade é que estaba como o primeiro día, ou polo menos en apariencia así era. Aquí na casa non somos demasiado deste doce, pero a verdade é que quero gastalo dunha vez, así que me puxen a buscar nos libros que teño por aquí algunha receita na que se empregase o marmelo como ingrediente, e atopéi ésta, que me parecéu moi interesante. Tamén tiña ganas de probar o paínzo.

O paínzo (mijo, en castelán), é un dos cereais máis antigos que se coñecen, orixinario de África, aínda que aquí en Galicia se cultivou durante moitos séculos. Hoxe en día non sei se se segue a cultivar, a verdade.


Nun ensaio de M. Rubén García Álvarez aparecido na revista Grial baixo o título de A cociña e a mesa na Galicia de hai mil anos di o seguinte:
"A base fundamental da cociña do campesiño no século X era o pan. As fariñas máis utilizadas eran a de paínzo e a de centeo, pois como é ben sabido, o millo aínda non se conocía e, por outra parte, o trigo non se daba máis que nalgunhas localidades e, aínda esí, en pequenas cantidades. Ademais o trigo era moi caro, pois o modio dil, que viñan ser oito quilos e meio, custaba un soldo, que era o que valía unha ovella ou unha cabra por entón. De todos xeitos, aquelas fariñas máis utilizadas non se empregaban soias senón misturadas unha coa outra. A de milio, paínzo ou millo miúdo, rara vez ía sin mistura da de centeno, ou centeo, en proporción variabre".

Máis adiante tamén di:
"Ás doce, o noso campesiño faguía o prandium ou xantar, no que o elemento fundamental era o caldo, comido en cunca de madeira e con pan migado nil. Por suposto non sería igual ó caldo dos señores, no que non fallaba a vitela e maila pita, reducíndose iste dos pobres ó unto de porco mailas nabizas, grelos ou berza, espesado engadíndolle unha presa de fariña de paínzo".

Hoxe en día é o alimento básico para máis de 400 millóns de persoas de África, China e India.

Se queredes saber máis sobre este cereal aquí vos poño unha ligazón: El mijo.

A receita que hoxe traio saqueina de El gran libro de los postres sanos, de Adriana Ortemberg.


INGREDIENTES (para 4 tartaletas):

Para a base:
- 100 grs. de paínzo
- 200 ml. de auga
- 1 chisco de sal mariño
- 100 ml. de zume de laranxa ou mazá

Para o interior:
- 250 grs. de doce de marmelo compacto
- 150 ml. de zume de laranxa ou mazá
- 50 grs. de piñóns lixeiramente torrados


PREPARACIÓN:
1. Quentamos o forno a 180º e pincelamos con aceite 4 moldes de tartaletas.

2. Poñemos a quentar a auga co sal mariño e o zume; cando vaia ferver botamos o paínzo (ben lavado baixo o chorro de auga) e cocemos a lume lento ata que absorba todo o líquido. Deixamos arrefriar un pouco y dividímolo a partes iguais entre os 4 moldes presionando ben e cubrindo o fondo e os laterais.

3. No vaso do batedor poñemos o marmelo troceado e o zume, e triturámolo ata obter unha pasta homoxénea. Enchemos as tartaletas, botamos uns piñóns por riba e metemos no forno durante 15 minutos.

4. Finalmente, deixamos arrefriar 10 minutos e desmoldamos con coidado.


Anímovos a que probedes esta receita, tanto por sana e nutritiva, como por sinxela de facer. E, de paso, dámoslle outra oportunidade a este cereal que foi sustento dos nosos antergos e parte da nosa historia.

domingo, 18 de xaneiro de 2009

Fabas con polbo

Hoxe tocou un prato consistente, pero moi rico. A idea xurdiu o mércores pasado mentres andabamos a facer zapping e demos cos Larpeiros, na galega, que estaban a preparar este prato. Eles usaron fabas de Lourenzá, que é un concello da mariña lucense. As fabas desta zona son moi famosas pola súa calidade, que é excelente. Con elas, como quedou patente neste programa, pódense facer todo tipo de pratos, desde estas deliciosas fabas con polbo, ata unha sobremesa a base de pastel de fabas, pasando polas famosas fabas con ameixas ou pola empanada de fabas. Aínda non teñen denominación de orixe, pero están a punto de recibila, segundo di na súa páxina web. Aquí vola deixo por se lle queredes botar un ollo: Faba de Lourenzá.

A nós, desde logo entrounos pola vista, e hoxe, por fin, tamén polo gusto. Non puidemos utilizar fabas de Lourenzá, pero utilizamos unha faba branca, grande, de produción ecolóxica, que tampouco están nada mal.


Ó lado do paquete de fabas está outro ingrediente que non utilizaron os Larpeiros, pero que eu si: trátase da alga Kombu. Esta alga axuda a abrandar os legumes e aporta sabor a mar. Son algas manufacturadas pola empresa galega Porto-Muiños, e que, segundo lin onte en La Voz de Galicia, os produtos desta empresa van participar na edición deste ano do prestixioso concurso mundial de cociña Bocuse d'or, da man do cociñeiro catalán Ángel Palacios (La Broche), e que terá lugar os días 27 e 28 deste mes de xaneiro en Lyon (Francia). Pódese dicir entón que Galicia, dalgunha forma, estará presente neste concurso, considerado o máis importante do mundo neste sector. Desde a participación no ano 2001 de Javier Rodríguez Ponte "Taky", cun máis que meritorio 10º posto, non volvemos a ter representación galega. Espero que algún ano, non moi lonxano, esta terra volva a estar representada con algún cociñeiro, que os hai, e moi bos.

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 250 grs. de fabas secas
- Unha tira de alga Kombu
- Unha folla de loureiro
- Un polbo (nós mercamos un conxelado que pesaba arredor de 1,3 kg.)
- 2 cebolas
- Un dente de allo
- Pirixel
- 2 culleradiñas de pementón doce
- Un vaso de viño branco
- Aceite de oliva
- Sal

PREPARACIÓN:
1. Poñer o polbo a cocer en abundante auga fervendo, cun chisco de sal e cunha cebola enteira. Xa sabedes que para cocer o polbo primeiro hai que "asustalo", é dicir, metelo na auga fervendo dúas veces e á terceira soltalo xa na auga. Contar 45 minutos desde que volve a ferver a auga. O tempo de coción do polbo variará segundo o tamaño e a variedade, pero con 45 minutos debería ser suficiente. De todos modos, hai que ir mirando se está cocido pinchando na zona que está arredor da boca, que é á que máis tempo lle leva cocerse.

2. Poñer as fabas nunha pota coa tira de alga Kombu e coa folla de loureiro (sen sal) e aproveitar a auga de cocer o polbo para cubrir as fabas cun dedo de auga por riba. Cocelas durante 2 horas.
As fabas hai que poñelas a noite anteior en remollo para que inchen (entre 10 e 12 horas).

3. Pouco antes de cumprirse as dúas horas de coción das fabas, empezar a cortar o polbo en anacos.

4. Preparar o sofrito nunha tixola con aceite de oliva, o dente de allo e a cebola. Cando estea pochada a cebola, engádeselle o pirixel picado e o pementón doce. Dáselle unhas voltas e, antes de que se queime o pementón engádese o viño branco, e déixase reducir un pouco.

5. Retírase a folla de loureiro e os restos grosos de alga que puidera haber entre as fabas e bótase na mesma pota os anacos de polbo e o sofrito.

6. Dáselle unhas voltas e déixase no lume un par de minutos para que se misturen os sabores, e rectifícase de sal se fose necesario.

7. Bótase nunha legumeira para presentar na mesa ou directamente os pratos.


O dito, un prato consistente, moi sano e moi nutritivo, e ademais diso moi rico. Pero ollo, rico si, pero potente.

venres, 16 de xaneiro de 2009

Jobim vs Chopin

Non, isto non é un combate entre dous monstros da música ó estilo Alien vs Predator, non. Explícome.

Onte, como cada venres, houbo na Escola de Música nova sesión musical dos Combitos, e como cada venres tocou repaso dos temas que estamos a preparar agora e que xa mencionei nalgunha entrada anterior (Watermelon man, de Hancock e Wave e de Jobim). Tamén onte comezamos a preparar un tema radicalmente distinto ó esilo ó que estamos acostumados: Sweet Child of Mine, dos Guns'n'Roses. Este tema tráeme un montón de recordos de cando nos xuntabamos, hai xa uns cantos anos, para facer ruido, porque tratábase diso precisamente, de facer canto máis riudo mellor. Pero afortunadamente os tempos cambian, a xente madura (case sempre), e os gustos musicais vanse suavizando, pulindo... Agora xa non importa tanto a cantidade, senón a calidade, e eu diría que esta premisa pódese aplicar a case todas as facetas da vida.

Pero volvendo ó jazz, ou á bossa nova neste caso, onte tamén tocou repasar outro tema de Jobim que xa preparamos hai un par de anos: How Insensitive, coñecido en portugués co nome de Insensatez:



A versión desta canción que aquí vos traio está interpretada por Olivia Ong (Singapur, 1985).

Nós levábamos tempo sen tocala, e notouse bastante, pero xa volveremos a facer que soe ben, espero...

Díse que este tema de Jobim está libremente baseado noutro tema moi anterior doutro grande (aínda que este apelativo se queda corto) da música, neste caso clásica. Nin máis nin menos que Frédéric Chopin , que compuxo o seu Preludio Op.28 nº4 en mi menor arredor de 100 anos antes:



Aquí temos este fermoso tema de Chopin interpretado ó piano por Tzvi Erez, pianista israelí. Puro romanticismo.

Parécense os dous temas ou non?

mércores, 14 de xaneiro de 2009

Foudroyante, de Lindemans

Onte comentéi as pizzas que nos zampamos o domingo, pero non mencionéi as cervexas coas que acompañamos.

Trátase da Foudroyante Gueuze e da Foudroyante Kriek da Brasserie Lindemans de Vlezenveek (Bélxica)


Son dúas cervexas tipo Lambic, é dicir, de fermentación espontánea: son os lévedos salvaxes que están presentes na atmosfera os encargados de facer fermentar o wort. Son cervexas moi pouco amargas, sendo a súa acidez a nota máis destacable. Incluso os lúpulos empregados na súa fabricación son lúpulos vellos, é dicir, recolectados varios anos antes, o que fai que non teñan un amargor tan marcado. O lúpulo recolectado, co paso dos anos, vai perdendo amargor.

Di a biblia da cervexa (El libro de la cerveza, de Michael Jackson, Ed. Blume), cos respecto a estas cervexas: "Para o catador acostumado a outros estilos máis convencionáis, a lambic case non parece unha cervexa, co seu conxunto sorprendente de aromas, a súa carencia de carbónico e a súa acidez".

Este tipo de cervexas fabrícase só en Bélxica. En teoría só reciben a denominación de lambic as fabricadas nas cidades que están no val do río Zenne, e digo en teoría porque na práctica non é así, posto que se están producindo lambics experimentais noutros lugares de Bélxica. Din os expertos que estas últimas non teñen as mesmas características.

Para fabricar as Gueuze, mistúranse as lambic novas con lambic vellas, e déixanse refermentar na botella. Éstas non levas froita. Teñen un gusto ácido moi agradable.


As cervexas tipo Kriek usan unha base de lambic ás que se lle engade, durante a fermentación, unha variedade de cereixa plana, escura e lixeiramente amarga, que se coñecen en flamenco precisamente co nome de Kriek.


Para min, as cervexas lambic son unhas cervexas deliciosas, que se poden considerar como unhas delicatessen dentro do mundo das propias cervexas, porque son un produto totalmente artesanal. Non se deben confundir nunca estas cervexas con eses subprodutos cervexeiros tan presentes ultimamente (por desgracia) nas estanterías dos nosos supermercados, que adoitan ser cervexas xa de por si de moi baixa calidade, ás que lle engaden aromatizantes e sabores a froita, para tratar de "enganchar" no carro da cervexa a aquelas persoas ás que non lles gusta esta bebida. Eu son dos da opinión de que coa cervexa debería pasar o mesmo que co leite, que etiqueta como "bebida de..." ós preparados de soia, vainilla, arroz, etc, e etiquetar estos subprodutos como "bebidas de malta" (considerando que cheguen a levar malta, claro) ou algo así, pero nunca cervexa, porque o único que fan e denostar a esta noble e milenaria bebida. Penso que todo o mundo sabe a qué me refiro...

Estas dúas cervexas que hoxe comento son unha auténtica delicia. A súa presentación, como adoita ser habitual neste tipo de cervexa, é moi coidada. Preséntanse en botellas de 37,5 cl. con tapón de corcho debaixo da chapa. A tipo Gueuze ten unha graduación alcohólica de 4% e a tipo Kriek de 3,5%.


Por aquí, as cervexas de Lindemans non son doadas de atopar (éstas en concreto viñeron na viaxe que fixemos este pasado verán por Francia, e lavaban agardando desde entón na neveira), e é unha magoa, pero podemos atopar outras marcas de lambic máis coñecidas como Timmermans ou Mort Subite, que ó mellor non son tan boas, pero como exemplo deste estilo non están nada mal tampouco.

Se tedes ocasión non dubidedes en probar algunha cervexa deste estilo. Poderanvos gustar ou non, pero do que estou seguro é de que vos sorprenderán...

martes, 13 de xaneiro de 2009

Pizza...

O domingo pasado recibimos na casa a sempre agradable visita de dous amigos que, ó igual que os nenos, sempre veñen cun pan debaixo do brazo. Neste caso o que traían non era comestible, pero en canto o vin, non puiden evitar que se me fixera a boca auga,jj. Non tardaréi moito en desvelar de qué se trata...

E para celebrar que viñan decidín facer un par de pizzas, porque sei que a eles lles gustan. A verdade é que a nós tamén nos gustan bastante, e nos días nos que hai tempo e gañas anímome (ou máis ben anímanme) a facelas, normalmemte como merenda-cea.

Sempre fago un par de bases, porque o traballo é practicamente o mesmo, pero só utilizo unha (con unha pizza temos máis que suficiente para cear). A outra cózoa no forno un pouco ata que colle algo de cor polo fondo, déixoa arrefriar e métoa no conxelador para outro día. Despois o único que hai que facer é sacala, e, sen deixar que se desconxele, botarlle tódolos ingredientes por riba e metela no forno.

Co tomate fago o mesmo que coa base, é dicir, preparo para dúas pizzas, uso a metade da salsa na primeira e gardo a outra metade nun bote na neveira (non durante demasiados días, claro). Así, o único que teño que facer é botar o tomate directamente do bote enriba da base conxelada, e despois o resto de ingredientes, claro.

Para facer a base:
INGREDIENTES (para dúas bases):
- 300 grs. de fariña de forza
- 1 sobre de lévedo deshidratado de panadaría (5,5 grs.)
- 1 vaso (1,5 dl.) de auga morna
- 1 cullerada de sal
- 1 cullerada de sirope de arroz (ou azucre)
- 1 chorro de aceite de oliva virxe extra

PREPARACIÓN:
Quentar a auga no microondas durante 20 seg. a toda potencia. Poñer nun bol amplo tódolos ingredientes e botar a auga. Cun garfo comezar a misturar todo ata que teña a consistencia para poder amasar coas mans. Volcar sobre o mármore e comezar a amasar coas mans durante uns 5 minutos tentando que ó dobrar a masa entre a maior cantidade de aire dentro dela. Ten que quedar unha masa cunha textura moi lisa.
Despois de amasar ben pódese tapar cun trapo ou incluso con papel film, pero o que eu fago é, ó rematar de amasar, no mesmo mármore, boto algo de fariña e coloco enriba a bola de masa. Boto algo máis de fariña por riba da masa, e cun coitelo fago dúas fendas profundas en cruz (non é superstición nin nada polo estilo, senón que é para facer que levede mellor), e coloco o mesmo bol onde ó principio amaséi tapando a bola de masa. Deixar levedar (inchar) durante unha hora e media aproximadamente, tempo no que dobrará o seu tamaño.

Pasado este tempo, volver a amasar ben para quitarlle o aire e cortar en dúas pezas, coas que faremos as dúas bases. Para facer as bases, só temos que estiralas cun rolete (eu aínda non aprendín a facelo xirándoas no aire...jj) ata deixalas bastante finas. Colocar a primeira na bandexa do forno (que xa debe estar quente a 220º) cuberta con papel de fornear,para que non se pegue, e picar cun garfo por toda a superficie (para evitar que inche coa calor e pareza un pan de pita). Metela no forno e deixar que colla algo de cor por abaixo. Sacala e engadirlle os ingredientes elexidos. Aquí vos vou a dar un par de exemplos.

Que lle boto á miña pizza?
O primeiro é a salsa de tomate (por favor, nunca lle botedes tomate frito!!, antes sen tomate que con iso, vale?). Se non vos apetece facela, podedes mercar alguhas salsas de tomate que xa se venden preparadas e ir probando a ver cal vos gusta máis. Se non, podedes facer coma min e preparala na casa, que non é tan difícil.

Salsa de tomate
INGREDIENTES (para dúas pizzas):
- Un bote de 660 grs. de tomate triturado (eu uso o ecolóxico de Carrefour, merece a pena tanto pola calidade como polo prezo)
- 2 dentes de allo
- Ourego
- Tomiño
- Albahaca
- Sal
- Un chisco de azucre
- Aceite de oliva

PREPARACIÓN:
Botar un pouco de aceite de oliva nunha pota, e cando estea quente botar todo o bote de tomate. Engadir os dentes de allo machacados, as herbas (poden ser frescas ou secas), o sal e o azucre. Deixar reducir a salsa ata que teña a consistencia axeitada (nin moi líquida nin demasiado seca).

O queixo
O tipo de queixo que normalmente se emprega para as pizzas é a Mozzarella, pero podedes utilizar o que máis vos guste. A min personalmente gústame a suavidade da Mozzarella (mellor se é a auténtica de búfala), pero algunha vez fixen unha catro queixos con restos de queixo que había pola neveira, e a verdade é que estaba moi boa. Eu emprego unha Mozzarella relada das de sobre porque é moi práctica, pero cando hai da auténtica uso a auténtica.

Uns amigos comentáronnos que nun restaurante de Lugo había unha pizza chamada Fogar de Breogán, que era unha especie de catro queixos pero eso si, todos galegos (como o propio nome da pizza indica...)

E por riba?
Pois este domingo tocou pizza barbacoa. Na última churrascada sobrou algo de carne á grella, e o que fixen foi conxelala para estas ocasións. Así que o que fago é sacar a carne do conxelador, picala ben co coitelo e botala por riba do queixo.


Tamén fixen outra clásica: a de champis. Só hai que pasalos un pouquiño na tixola e botalos por riba do queixo.


E para rematar, antes de metela no forno, imprescindible un pouco de ourego por riba.

Xa sabedes, se vos gusta a pizza anímovos a que probedes a facer éstas, cos mesmos ingredientes ou con aqueles que máis vos gusten, e xa me diredes...

Quen se atreva a chamarlle comida lixo a isto, é que non ten nin idea...

domingo, 11 de xaneiro de 2009

Queique de froita confeitada (sen ovo)

Onte pasounos unha cousa curiosa: tiña pensado facer a sobremesa para hoxe, pero cando vou mirar á neveira de cántos ovos dispoño, resulta que non tiña ningún. A culpa tívoa a tortilla de patacas (especialidade de My Missus) que me zampéi o venres, pero ningún nos lembramos de que se acabaran. Este "problema" amañámolo hoxe facéndolle unha visita ás señoras galiñas, que tamén están sufrindo o seu os rigores do inverno, o cal se nota na produción de ovos.

O caso é que andivemos buscando receitas sen ovo nos libros que hai por aquí por casa, e habelas hainas, pero cando aparecía unha receita que non levaba ovo resulta que levaba outros ingredientes dos que non dispoñía, ou simplemente eran receitas que non me apetecía facer. Así que optei por botar unha ollada na rede, e empezaron a aparecer algunhas receitas, porque hai bastante xente alérxica ó ovo (parece que no referente e esto das alerxias cada vez son máis habituais, tanto en número de persoas que as padecen como en variedade de alerxias, non só as alimentarias). As receitas que máis aparecen son as de biscoito, ou "queique", como lle chamamos normalmente aquí en Galicia. Os queiques están ben, pero para min fáltalles algo, fáltalles unha gracia. Un catro cuartos está moi ben como parte dun almorzo, ó lado da froita, das galletas e dos cereais, pero non como sobremesa, ou alomenos esa é a miña opinión. Seguín buscando e atopei esta receita, que tamén é dun queique, ou queque, como lle chama a autora da mesma, pero que ademais leva froitas confeitadas e uvas pasas, co cal puiden aproveitar os restos de froita confeitada que me quedaron cando, hai uns días, fixen o roscón de reis.

A receita é dunha blogueira de Lima (Perú). Aquí vos deixo a ligazón á receita orixinal por se lle queredes botar un ollo: Queque sin huevo.


INGREDIENTES:
- 125g. de manteiga
- 250g. de fariña
- 90g. de azucre en po
- 100g. de pasas
- 100g. de froitas confeitadas
- 120g. azucre moreno (eu usei panela)
- ½ culleradiña de canela
- Un chisco de cravo de olor en po
- 1 culleradiña de coñac
- 150 ml. de leite
- 1 culleradiña de bicarbonato
- 1 cullerada de vinagre (mellor de mazá)

PREPARACIÓN:
1. Ter o forno quente a 170º-180º.

2. Botar a manteiga nun bol e traballala coa fariña, como se quixésemos facer masa quebrada, ata que teña apariencia de area.

3. Engadir o azucre en po, o azucre moreno (ou panela), a canela e o cravo de olor e misturar ben todo.

4. Misturar o coñac co leite, o bicarbonato e o vinagre, e engadir á preparación anterior.

5. Finalmente engadir as froitas confeitadas e as pasas previamente enfariñadas.

6. Volcar a masa no molde tipo cake xa preparado (mellor un de silicona) e levar ó forno por aprox. 1 hora.

7. Coma sempre, comprobar cunha agulla se está ben cocido pinchando no centro do queique.

8. Agardar uns 10 minutos, desmoldar e deixar arrefriar enriba dunha reixa.


A verdade é que está bastante bo, aínda que se nota, sobre todo na textura, a ausencia de ovo. O seu sabor é moi agradable, quizáis algo doce de máis, pero para os que lles gusta o doce vai estar moi bo.

Se algunha vez vos ocorre o mesmo que a min, sempre se pode improvisar algo. Así que xa sabedes, nada de quedarse sen sobremesa...jj.

Grazas por esta receita,amiga limeña.

Bo proveito!!

sábado, 10 de xaneiro de 2009

Arroz negro con chipiróns

Hoxe toca arroz negro con chipiróns, todo un clásico na nosa mesa. Un prato sinxelo, pero moi agradecido.

Normalmemte adoito mercar os chipiróns frescos na peixería, pero hoxe fun un pouco tarde e xa non quedaban, así que tiven que botar man dos conxelados. Sempre teño no conxelador un paquetiño de chipiróns deses que xa veñen limpos e troceados. Son moi prácticos para estes casos ou para cociñar un domingo no que non tes a posibilidade de atopalos frescos. O prezo deste chipirón conxelado é algo máis caro e o resultado non é tan bo, pero sempre te pode quitar dunha apurada.

O tipo de arroz que emprego normalmente para esta receita é o largo evaporizado ecolóxico, da marca Biocop:


O arroz evaporizado (tamén coñecido como vaporizado ou parboiled) é o que se coñece popularmente como Brillante, pola marca máis coñecida que o comercializa. É un arroz parcialmente cocido, o que asegura unha correcta cocción do gran, facendo que ademais queden soltos, sen pegarse e sen recocerse. É un arroz rico en vitaminas do grupo B. Outra ventaxa da utilización do arroz "parboiled" é a diminución da absorción das graxas debido á xelatinización do almidón externo que reduce a penetración dos condimentos graxos ó interior do gran. Se a todas estas ventaxas lle unimos ademais as da utilización de produtos ecolóxicos, temos un arroz realmente saudable e moi nutritivo.
Se queredes máis información sobre este tipo de arroz, picade nesta ligazón:
El arroz vaporizado

Por suposto, podedes usar calquer tipo de arroz que vos guste ou que teñades por casa, pero sempre tendo en conta que as cantidades de caldo e os tempos de cocción variarán dependendo de cada tipo de arroz.

INGREDIENTES (para 2 persoas):

- 250 grs. de chipiróns (xa limpos)
- 200 grs. de arroz evaporizado
- 2 sobres de tinta de calamar
- 1 cebola pequena
- 1 dente de allo
- 2 cenorias
- 1 tomate maduro
- Caldo de peixe
- Sal

PREPARACIÓN:
1. Quentar nunha pota un pouco de aceite de oliva e botar o allo picado fino e a cebola ben picada. Engadir a cenoria tamén picada fina e deixar pochar un pouco.

2. Mentres, pelar o tomate e quitarlle as sementes. Picalo moi fino, engadilo á pota e deixar que se faga.

3. Engadir os chipiróns limpos e troceados e dar unhas voltas. Engadir o arroz e deixar que se vaia poñendo un pouco transparente, pero con coidado de que non se queime.

4. Cando estea un pouco transparente engadir o caldo de peixe (mellor quente), aproveitando unha das medidas de caldo para disolver a tinta de calamar e engadila tamén á pota. Aínda que no paquete do arroz pon 2 medidas e media de caldo por medida de arroz, nós normalmente botamos tres, porque nos gusta algo menos seco do habitual, pero isto vai no gusto de cada quen.

5. Botar o sal, tendo en conta que o caldo xa estará salgado.

6. Deixar cocer a lume lento entre 15 e 20 minutos, rectificando de sal se fose necesario.

7. Cando estea no punto, retirar do lume e deixar repousar arredor de 5 minutos tapado cun trapo.

8. Servir cun anaco dun bo pan.


Bo proveito!!

xoves, 8 de xaneiro de 2009

The Combitos

Ben, pois hoxe fíxose oficial a volta á vida rutinaria, cousa que tampouco está demasiado mal. Volta ó traballo despois duns días de comilonas familiares, presas para mercar os agasallos, felicitacións, colas interminables á hora de pagar, locais ateigados de xente que "vuelve a casa por Navidad"... Camiñando pola rúa, máis que parecer as festas de Nadal parece o entroido de Río, coas aglomeracións de xente e cos sons dos silbatos, que non proveñen dunhas esculturais brasileiras bailando a ritmo de samba, senón dos municipais que se volven tolos para tratar de organizar o caótico tráfico propio destas datas.

E falando de ritmos brasileiros, mañá volven tamén as clases de música dos venres na Escola de Música, e os ensaios cos Combitos, que ultimamente están poñendo os seus ollos no outro lado do charco, e que están tratando de sacar algún bo sonido de dous magníficos temas:

Desde Brasil: Wave, de Antonio Carlos Jobim.
Aquí temos a Jobim co seu grupo, e con Toquinho á guitarra, interpretando este clásico da música brasileira:



E desde os Estados Unidos: Watermelon Man, de Herbie Hancock.
Este tema é un must para tódolos músicos que se inician no fantástico e marabilloso mundo do jazz. Aquí temos ó propio Hancock interpretando este clásico seu no piano:



Mañá xa veremos como afectou o parón navideño á nosa interpretación...

mércores, 7 de xaneiro de 2009

Roscón de Reis

Onte foi o día de Reis, día dos agasallos e tamén, cada vez máis, día do roscón de reis. E digo "cada vez máis" porque xa parece algo imprescindible na nosa sobremesa do día 6 de xaneiro (para ledicia do gremio dos pasteleiros, que se fartan a vender estes doces neste día). Eu non lembro ningún doce especial ese día na miña casa cando eu era pequeno, a verdade...

Eu resístome a mercalos, unha porque non son moi devoto deste doce (non lle acabo de atopar a gracia) e dous porque me parece que os prezos que acadan ese día son autenticamente desorbitados (lembremos que non é máis que un pouco de masa con algo de froita confeitada).

Hai uns días lin un pequeno artigo de Manuel Martín Ferrand no nº 1.106 do XL Semanal (páxina 73) co que estou bastante dacordo. Entre outras cousas vén a dicir que a tradición do roscón "forma parte dunha das moitas tradicións inventadas que nos asisten. Algún panadeiro esperto engadíulle auga de azahar ós bollos que preparaba e puxo en marcha un negocio que, un século despois, xa é tradición". Tamén di por ahí que "moitos dos que imos comer para inaugurar este 2009 levan forneados algúns meses e agardan turno nos conxeladores". Esta afirmación é unha especie de lenda urbana igual que di que todos os que non se venderon para o día de Reis métense no conxelador para venderse pola Semana Santa. Eu non o sei, o único que sei é que non dou un peso por este doce, e que para atopar un bo roscón de pastelería atopas 99 malos (e xa non digamos os do supermercado). Se o fago é porque gusta na casa, e prefiro que o coman recién feito, aínda un pouco morno, e porque sei o que están comendo. O artigo acaba dicindo que "se os fabricantes do roscón non volven polo camiño da calidade corren o perigo de que os seus equivalentes italianos -o panettone de Milán ou o pandoro de Verona-, cada día máis frecuentes nos nosos supermercados, xeralmente máis frescos a pesares da distancia da súa orixe, rematen por quedarse co cetro español da bollería navideña".
Se queredes ver o artigo completo, aquí tedes a ligazón:
Roscón, por Manuel Martín Ferrand

Tamén mencionar outro artigo, esta vez de Jesús Llona Larrauri para hoy.es, no que vén a corroborar o anteriormente exposto, con frases como "é moi difícil atopar bos roscóns. Abundan os biscoitos demasiado liviáns ou moi amazacotados, que non saben a nada ou están demasiado perfumados con auga de azahar. Fáltanlles ovos e manteiga, que son os dous produtos nobles que dan calidade ó roscón, e sobran conxelados. A este paso, o roscón de Reis convértese nun produto insulso, que non sabe a nada, propio de paladares correntes. É un desastre a baixa calidade deste produto que da man da masificación, rematará cun carteliño que diga «sen colorantes nin conservantes», «sen ovo nin manteiga»".
Para ler todo o artigo esta é a ligazón:
Roscón de Reyes, por Jesús Llona Larrauri

Así a todo, sei que esta sobremesa ten moitos adeptos (entre eles My Missus), así que se alguén quere unha boa receita aquí ten a miña, que tamén quitei da mesma revista que mencionei antes (XL Semanal) de hai algúns anos, e que vén asinada por María Martín.
Nesta revista, despois da receita, vén tamén unha pequena explicación da orixe deste doce que ten pouco que ver coa que nos di Martín Ferrand no seu artigo, pero que parece ser a máis extendida, que é a dos pasteis que os romanos ofrecías ó deus Jano (que é o deus que lle dá nome a este mes de xaneiro no que nos atopamos).


INGREDIENTES:
- 650 grs. de fariña de forza (fará falla máis fariña para amasar)
- 100 grs. de manteiga
- 125 grs. de azucre
- 20 grs. de lévedo de panadaría (eu usei a pastilla de 25 grs. enteira) ou 2 sobres de lévedo deshidratado de panadaría
- 2 ovos
- 250 ml. de leite
- 80 ml. de auga de azahar (eu bótolle algo menos)
- 7 grs. de sal
- Reladura de limón e de laranxa
- Ovo batido con leite (eu só ovo batido)
- Froitas confeitadas
- Améndoas laminadas (eu non as usei)
- Azucre humedecido

PREPARACIÓN:
1. O primeiro é facer o pé: misturar tres culleradas de leite morno, o lévedo e dúas culleradas sopeiras de fariña.
2. Mover coas varillas e deixar levedar (inchar) ata que dobre o volume.
3. Poñer na máquina amasadora o resto da fariña, a manteiga en pomada, o azucre, o sal, oso ovos, a auga de azahar, o leite, as reladuras e o pé. Traballar ata que quede unha masa moi elástica. Engadir máis fariña se fose necesario, pero sen pasarnos (só ata que non se nos quede pegado ás mans), porque podería quedar un roscón demasiado seco.
4. O resultado ten que ser un composto liso e brillante, que se despegue das paredes do bol. Se non se utiliza máquina, traballar tódolos ingredientes coas mans ata que quede unha masa tan elástica que se poda estirar case 50 cm. sen chegar a romperse.
5. Gardar na neveira de 8 a 12 horas, tapada cun trapo húmido ou papel film. Neste tempo, inchará.
6. Sacar da neveira e darlle forma de anel sobre a bandexa do forno.
7. Meter a sorpresa
8. Deixar levedar a temperatura ambiente.
9. Pintar con ovo e leite, decorar con froitas confeitadas e azucre lixeiramente humedecido e améndoas.
10. Meter no forno a 180º durante 30 minutos, aproximadamente (hai que ilo vixiando para que non se nos queime).
11. Unha vez fóra do forno, deixar arrefriar enriba dunha reixa.

Aquí tedes o resultado: máis de quilo e medio de roscón.




Subiu tanto no forno que case se queda sen o burato do medio...

Unha das ventaxas que ten esta receita con respecto a outras é que se fai en dous días, co cal o traballo está máis repartido. O día anterior a comelo, pola tarde, prepárase a masa e métese na neveira, e ó día seguinte pola mañá, o único que hai que facer é darlle a forma de anel, esperar a que levede e metelo no forno, co cal, se calculamos ben os tempos aínda o poderemos comer un pouquiño morno.

Agora xa é un pouco tarde, posto que xa pasou o día de Reis, pero se vos gusta este doce, non hai desculpa para non facelo calquera outro día do ano...

martes, 6 de xaneiro de 2009

Canto a Dios

Non, non é que entrase de súpeto a vena mística ou teolóxica, non, ese é o título do último CD de Chucho Valdés en chegar ás miñas mans, cortesía de My Missus, claro...



Dionisio de Jesús Valdés Rodríguez, máis coñecido como Chucho Valdés, pianista cubano, é o autor deste precioso traballo, inspirado no desastre do furacán Katrina que asolou a costa sur dos Estados Unidos en agosto de 2005, e que deixou máis de 1.800 mortos, cebándose especialmente coa cidade de Nova Orleans. El mesmo di nunha entrevista concedida ó diario El País, o 23 de xullo do pasado ano 2008, que neceitaba facer este tributo á cidade que viu nacer o blues e o jazz.
Se queredes ler todo o artigo pinchade na seguinte ligazón:
Artigo en El País sobre o lanzamento do disco Canto a Dios

Agora mesmo téñoo como música de fondo mentres escribo estas liñas, e a verdade que está impregnado de espíritu Valdés, evidentemente, pero é algo diferente dos anteriores, probablemente por esa espiritualidade que impregna de xeito máis acusado certas partes do traballo, especialmente o corte 4 que dá título ó CD. Tamén colaboran con el a Orquestra Sinfónica Nacional de Cuba e o Coro Nacional de Cuba, entre outros músicos invitados.

Este disco foi grabado en La Habana, Cuba, entre xaneiro e decembro de 2006, e viu a luz o pasado 2008. Inclúe, temas novos, pero tamén algún clásico, como Claudia (e con esta xa son cinco as versións que teño deste tema en diferentes CD's), e que é para min, e para moitos máis, o mellor bolero instrumental de toda historia.

Eu descubrín a Chucho Valdés como moitas outras persoas, da man de Fernando Trueba e o seu tributo ó jazz latino chamado Calle 54. Para min este disco foi o descubrimento dun estilo ata entón descoñecido e que cambiou a miña maneira de ver o piano e a música en xeral. O que este "monstro" é capaz de facer cun piano nas súas inmensas mans é algo incrible.

Lonxe queda xa aquel 13 de marzo de 2002 no que nos visitou no Teatro Principal para ofrecer un concerto que para min foi inesquecible. Ese día tiven a oportunidade de intercambiar unhas palabras con el ó rematar o concerto (grazas ó meu amigo Sandi, antigos coñecidos da súa Cuba natal), facer a foto de rigor con el, autógrafo nun dos seus Cd's (orixinal, por suposto...jj), e comprobar que é unha persoa grande en tódolos aspectos. Cando me deu a man para despedirnos, non vos vou a contar o que supuxo para min tocar esa man "capaz de obrar maravillas".

E para mostra un botón: Son en Do menor



En fin, despois disto so me queda dicir unha cousa: o CD, aparte do título Canto a Dios, debería levar o subtítulo de: ...e tamén "toco a Dios".

domingo, 4 de xaneiro de 2009

Antigüidades e recordos...

Hoxe tocou paseo matinal pola Praza Maior. Como cada primeiro domingo de mes estaba instalado alí o mercadiño de antigüidades. Como en tódolos mercadiños deste tipo, podes atopar de todo: cousas realmente antigas e que nos fan retroceder á nosa infancia ou incluso á infancia dos nosos pais, como os manuscritos que empregaban na escola para aprender a ler e a escribir, e que nós xa non chegamos a coñecer, e cousas que son basicamente modernas, pero que cunha boa capa de po poden parecer antigas, pero que non o son.

Hai algún tempo merquei aquí unha botella antiga de El Águila Negra, baleira e sen chapa, que me valera, se non lembro mal, 8€. Hoxe tiñan a mesma, chea e con chapa, pero por 25€, aínda que o prezo, normalmente, se pode negociar (nada que ver co regateo superagresivo que se practica nos países árabes..jj).

Tamén merquei hai tempo un par de métodos antigos para aprender inglés: un de 1943 que se titula English Method, da Editorial Araluce (Barcelona), e outro de 1965 que se chama Método de Inglés, de Gráficas Casulleras (Barcelona).


Non é que eu sexa demasiado aficionado ós libros antigos nin ás antigüidades en xeral, pero gustáronme, e o prezo non era demasiado caro, así que ó final viñeron para casa. A fotografía que vén a continuación é un detalle do libro máis antigo:


Aínda que estes en concreto non estaban pensados para os nenos, senón máis ben para adultos que querían aprender inglés, nada teñen que ver cos que se empregan hoxe en día na escola, e incluso cos que empregamos os non tan nenos nas escolas oficiais de idiomas, verdade?

Todo isto fáime pensar en algo: Como serán os libros de ensinanza idiomas de dentro de, poñamos, 50 anos? Existirán os libros impresos en papel ou serán todos dixitais? Necesitaremos estudar un idioma ou xa se poderá elixir como "extra" antes de nacer? Poderán ser implantados os idiomas como recordos ó máis puro estilo Desafío Total?

O tempo dirá...

venres, 2 de xaneiro de 2009

As mellores albóndigas de atún

Hai un par de días chegáronme uns libros que tiña pedidos, case todos de cervexa, pero entre eles atópase un que non trata sobre cervexa pero ó que tamén lle tiña moitas gañas: La cocina italiana de Jamie, de Jamie Oliver, o meu cociñeiro de referencia. Con este xa van catro libros seus que teño, e o carro andando...


Un libro de 319 páxinas nas que podemos atopar os típicos antipasti (entrantes), pizzas, sopas, pasta (como non...), risottos, ensaladas, pratos de peixe, pratos de carne, acompañamentos e sobremesas, todo isto facendo un percorrido por boa parte de Italia. Neste libro están recollidas moitas das receitas que apareceron na súa serie de televisión Jamie Oliver de viaxe por Italia, e que en España se puido ver no Canal Cociña.
Aquí tedes un pequeno fragmento do capítulo no que chega a Palermo e se ofrece para cociñar peixe na rúa:



A presentación do libro é en pasta dura, o papel é de boa calidade e as fotografías, como adoita ser habitual nos seus libros, está moi ben. En resumo, unha boa compra.

A Jamie Oliver moitos de vos xa o coñeceredes, e para os que non o coñezades, podedes googlealo e atoparedes cantidade de información acerca del en tódolos idiomas imaximables e por imaxinar (vale, quizais estou a esaxerar un pouquiño...jj). So dicirvos que é un cociñeiro inglés e a pesares diso un bo cociñeiro, da mesma quinta ca min, ámbolos dous somos de 1975 (dato anecdótico), e que cociña dun xeito un pouco diferente ó que nos teñen acostumados os cociñeiros que saen na tele. Eu descubrino por casualidade hai xa algúns anos cando me regalaron un dos seus primeiros libros, Happy Days with the Naked Chef, libro que algún día tamén comentarei aquí no blog.

A receita que fixemos hoxe é a de Le migliori polpette di tonno, ou o que é o mesmo As mellores albóndigas de atún. Aquí a reproduzo tal e como aparece na súa páxina web:

A case todas as persoas que coñezo encántanlles as albóndigas, así que pensei en darvos unha receita de albóndigas un pouco diferentes. Vinas facer en Sicilia do mesmo xeito, utilizando unha mestura de peixe espada e de atún - pero non con atún envasado nin enlatado. Estas teñen que facerse con peixe fresco e sazonarse sutilmente con herbas e especias sicilianas - esta receita é tan boa como as versións feitas con carne!

Para a salsa de tomate:
- 1 cebola pequena, pelada e finamente picada
- 4 dentes de allo, pelados e finamente laminados
- 1 culleradiña de ourego seco
- 2 x 400 g latas de tomates pelados de boa calidade
- sal mariña e pementa negra recentemente moída
- vinagre de viño tinto
- un ramillete pequeno de perexil fresco de folla plana, separadas as follas e finamente picadas

Para as albóndigas:
- 400g/14oz de atún de desenvolvemento sostible
- aceite de oliva
- 55g/2oz de piñóns
- 1 culleradiña de canela moída
- sal mariña e pementa negra recentemente moída
- 1 culleradiña de ourego seco
- un mangado de follas frescas de perexil de folla plana, picadas
- 100 g/3½ oz de pan relado do día anterior
- 55g/2oz de queixo parmesano relado
- 2 ovos
- o zume e a casca de 1 limón

Para 4 persoas

En primeiro lugar faise a salsa. Coloca unha pota grande sobre o lume, engade un bo chorro de aceite de oliva, o allo e a cebola e frite lentamente durante 10 minutos ata que estea máis ou menos feita. Engade o ourego, os tomates, o sal e a pementa e leva a ebullición. Cociña a lume lento durante uns 15 minutos, entón tritura ata que quede unha salsa fina. Proba - poida que necesite un pequeno chorro de vinagre de viño tinto ou algún condimento extra.

Mentres os tomates se cociñan a lume lento, corta o atún en dados de 2.5cm/1 pulgada. Verte un par de culleradas de aceite de oliva nunha tixola grande e pon ao lume. Engade o atún á tixola coa canela e os piñóns. Sazona lixeiramente con sal e pementa e frite durante un minuto ou máis ata que o atún estea cociñado por todas as partes e torra os piñóns. Retira do lume e pon a mestura nun bol. Deixa arrefriar durante 5 minutos. A continuación, agrega o ourego, perexil, pan relado, queixo parmesano, os ovos,e a reladura e o zume de limón ao bol. Usando as mans, esmaga e mestura os sabores co atún e, a continuación, divide a mestura e apértaa para formar albóndigas lixeiramente máis pequenas que unha pelota de golf. Se metes unha das túas mans en auga mentres lle dás forma ás albóndigas conseguirás unha superficie lisa nas albóndigas. Se a mestura é moi pegañenta, engade un pouco máis de pan relado. Tenta facer albóndigas máis ou menos do mesmo tamaño e colócaas nunha bandexa engraxada, e a continuación ponas na neveira durante unha hora para deixalas repousar.

Volve poñer a tixola onde fritiches o atún ao lume cun pouco de aceite de oliva. Engade as albóndigas e dálles voltas ata que estean douradas por todas as partes. É posible que queiras facelo en quendas - cando estean feitas, engádeas á salsa de tomate, divídeas nos pratos, bótalles perexil picado por riba e un chorro dun bo aceite de oliva. Estupendas con espaguetis ou linguine.

Esta receita aparece na páxina 203 do libro, e que tamén podedes atopar na súa páxina web. Aquí vos deixo a ligazón á receita orixinal:

http://www.jamieoliver.com/recipes/fish-recipes/the-best-tuna-meatballs-le-migliori-polp

Tan so un par de suxerencias: eu faría dados de atún máis pequenos que 2.5 cm e botaríalle algo menos cantidade de piñóns, o que axudaría a conseguir unhas albóndigas máis compactas, e tamén eliminaría o zume de limón, posto que non nos gustou demasiado o sabor. Por suposto, isto non é máis que unha suxerencia miña. Polo demais, estupendas, moi agradables de comer. Aquí podedes ver unha foto de como me quedou o prato:


Animádevos a facelas, merece a pena, e xa me contaredes...

xoves, 1 de xaneiro de 2009

Feliz 2009

Hoxe é para moitos o día da Santa Resaca (aínda que moitos fieis desta santa lle mostran a súa devoción durante boa parte do ano...)
Pois hoxe para min é coma se fose un domingo calquera: a típica dor de cabeza na que o alcol ten pouco ou nada que ver (senón máis ben os cambios horarios), e comida familiar. Onte foi, seguindo o costume dos últimos anos, xornada de cea caseira á luz das candeas, pero por primeira vez en anos, con empiltramento sen saída previa (as circunstancias case obrigan...). Ademais, o ano pasado xa quedamos un pouco fartos de andar polos viños con tódolos garitos petados e sen poder pedir unha copa sen ter que pelexar con todo o mundo para chegar á barra. É, sen dúbida, o peor día para saír, pero bueno, a noite de Fin de Ano é unha noite no ano...

Pero volvendo ó menú: Vieiras ó forno


INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 2 vieiras
- 1 cebola
- Pementón doce
- Pan relado
- Sal
- Aceite

Eu merquei as vieiras xa limpas pero coa cuncha. O único que hai que facer é fritir un pouco a cebola ben picada. Unha vez transparente, engadir o pementón e o sal e darlle un par de voltas. Botar por riba das vieiras. Botar un pouco pan relado por riba da capa de cebola e ó forno ata que teñan unha bonita cor dourada.

Ensalada de rúcula e canónigos con ananás e queixo Feta (xenial improvisación de My missus)


INGREDIENTES:
- Un pouco de rúcula
- Uns poucos canónigos
- Unha roda de ananás (mellor natural)
- Uns 50 grs. de queixo Feta
- Un puñado de noces
- Aceite oliva virxe extra
- Vinagre balsámico de Módena

Lavar ben a rúcula e os canónigos e colocar nun prato. Pelar as noces, picar en anacos o ananás, e botar por riba das herbas. Desmigar o queixo cos dedos e ilo botando por riba de todo o anterior. Finalmente, aderezar con aceite de oliva virxe extra e vinagre balsámico.

Confit de pato con crema de castañas


INGREDIENTES:
- 2 muslos de pato en confit
- Un chisco de azucre

PARA A CREMA DE CASTAÑAS:
- 250 grs. de castañas (poden ser en conserva)
- Un vaso de leite
- 25 grs. de manteiga
- Sal
- Pementa branca

Para preparar os muslos de pato o único que hai que facer é quitarlles o exceso de graxa que os recobre. Botarlles unha finísima capa de azucre (eu utilicei panela) para que queden ben dourados, e metelos no forno, a uns 200º durante uns 15 minutos.
Para preparar a crema de castañas, bótase nun cazo a manteiga, o leite e as castañas. Sazónase con sal e pementa branca ó gusto, e déixase cocer ata que abranden as castañas. Ao abrandaren, bátese todo coa batidora. Rectifícase de sal e pementa se fose necesario. Queda unha crema espesa e moi suave.

E de sobremesa: Xeado de Crema de Licor Café (todo un descubrimento), con licor café, por suposto.


A receita máis doada de todas, posto que o único que hai que facer é mercalo e xa está...jj. É da marca "Gael", e fabrícano na Coruña, así que é Made in Galicia. Eu merqueino en Carrefour. É un xeado moi cremoso en comparación con outros, que son duros coma pedras, e está sencillamente delicioso. Nós, para melloralo un pouco máis, aderezámolo cun chisco de licor café da casa e uns pistachos recubertos de chocolate que había por aquí.

Aquí podedes ver a foto da etiqueta:



E para beber, cervexa da casa: Quintela Christmas Ale. Que máis se pode pedir?


Cervexa feita hai xa máis dun ano, pero que foi gañando matices e perdendo amargor durante este tempo. Cervexa de Nadal, de fermentación alta, cun cheiro moi agradable a especias e cun sabor realmente agradable.
A copa é de Urquell e a botella é de Grolsch, moi prácticas para reutilizar como envase de cervexa caseira.
Un día destes teño que retomar a fabricación caseira de cervexa. Supoño que cando chegue o bo tempo. Cando o faga, podedes estar seguros de que vos terei ó día.

O dito, bo proveito e, aínda que sexa un topicazo, Feliz 2009 para tod@s.