domingo, 18 de xaneiro de 2009

Fabas con polbo

Hoxe tocou un prato consistente, pero moi rico. A idea xurdiu o mércores pasado mentres andabamos a facer zapping e demos cos Larpeiros, na galega, que estaban a preparar este prato. Eles usaron fabas de Lourenzá, que é un concello da mariña lucense. As fabas desta zona son moi famosas pola súa calidade, que é excelente. Con elas, como quedou patente neste programa, pódense facer todo tipo de pratos, desde estas deliciosas fabas con polbo, ata unha sobremesa a base de pastel de fabas, pasando polas famosas fabas con ameixas ou pola empanada de fabas. Aínda non teñen denominación de orixe, pero están a punto de recibila, segundo di na súa páxina web. Aquí vola deixo por se lle queredes botar un ollo: Faba de Lourenzá.

A nós, desde logo entrounos pola vista, e hoxe, por fin, tamén polo gusto. Non puidemos utilizar fabas de Lourenzá, pero utilizamos unha faba branca, grande, de produción ecolóxica, que tampouco están nada mal.


Ó lado do paquete de fabas está outro ingrediente que non utilizaron os Larpeiros, pero que eu si: trátase da alga Kombu. Esta alga axuda a abrandar os legumes e aporta sabor a mar. Son algas manufacturadas pola empresa galega Porto-Muiños, e que, segundo lin onte en La Voz de Galicia, os produtos desta empresa van participar na edición deste ano do prestixioso concurso mundial de cociña Bocuse d'or, da man do cociñeiro catalán Ángel Palacios (La Broche), e que terá lugar os días 27 e 28 deste mes de xaneiro en Lyon (Francia). Pódese dicir entón que Galicia, dalgunha forma, estará presente neste concurso, considerado o máis importante do mundo neste sector. Desde a participación no ano 2001 de Javier Rodríguez Ponte "Taky", cun máis que meritorio 10º posto, non volvemos a ter representación galega. Espero que algún ano, non moi lonxano, esta terra volva a estar representada con algún cociñeiro, que os hai, e moi bos.

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- 250 grs. de fabas secas
- Unha tira de alga Kombu
- Unha folla de loureiro
- Un polbo (nós mercamos un conxelado que pesaba arredor de 1,3 kg.)
- 2 cebolas
- Un dente de allo
- Pirixel
- 2 culleradiñas de pementón doce
- Un vaso de viño branco
- Aceite de oliva
- Sal

PREPARACIÓN:
1. Poñer o polbo a cocer en abundante auga fervendo, cun chisco de sal e cunha cebola enteira. Xa sabedes que para cocer o polbo primeiro hai que "asustalo", é dicir, metelo na auga fervendo dúas veces e á terceira soltalo xa na auga. Contar 45 minutos desde que volve a ferver a auga. O tempo de coción do polbo variará segundo o tamaño e a variedade, pero con 45 minutos debería ser suficiente. De todos modos, hai que ir mirando se está cocido pinchando na zona que está arredor da boca, que é á que máis tempo lle leva cocerse.

2. Poñer as fabas nunha pota coa tira de alga Kombu e coa folla de loureiro (sen sal) e aproveitar a auga de cocer o polbo para cubrir as fabas cun dedo de auga por riba. Cocelas durante 2 horas.
As fabas hai que poñelas a noite anteior en remollo para que inchen (entre 10 e 12 horas).

3. Pouco antes de cumprirse as dúas horas de coción das fabas, empezar a cortar o polbo en anacos.

4. Preparar o sofrito nunha tixola con aceite de oliva, o dente de allo e a cebola. Cando estea pochada a cebola, engádeselle o pirixel picado e o pementón doce. Dáselle unhas voltas e, antes de que se queime o pementón engádese o viño branco, e déixase reducir un pouco.

5. Retírase a folla de loureiro e os restos grosos de alga que puidera haber entre as fabas e bótase na mesma pota os anacos de polbo e o sofrito.

6. Dáselle unhas voltas e déixase no lume un par de minutos para que se misturen os sabores, e rectifícase de sal se fose necesario.

7. Bótase nunha legumeira para presentar na mesa ou directamente os pratos.


O dito, un prato consistente, moi sano e moi nutritivo, e ademais diso moi rico. Pero ollo, rico si, pero potente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario