luns 30 marzo 2009

Catando o queixo D.O. Arzúa-Ulloa


Onte, despois de 22 días de maduración na miña neveira, chegou por fin o momento de catar o queixo que trouxen do obradoiro de elaboración de queixos para editores de blogs, que tivo lugar o día 7 de marzo na queixería Arquesán, en Touro (A Coruña), impartido por Nino Pereira, da queixería Bama.

O peso resultante final da peza foi de 465 grs., despois de ir perdendo humidade por mor da maduración. Como se pode apreciar, a cortiza ten a típica cor amarela característica neste tipo de queixo.


Unha vez cortado compróbase unha vez máis que o seu aspecto é o típico dos queixos desta denominación de orixe, con algúns pequenos ollos.




En boca ten unha textura cremosa propia deste tipo de queixo, pero cun marcado sabor salgado (o motivo deste sabor foi o feito de traballar cunha cantidade tan pequena de leite, que fixo que fose difícil de calcular a cantidade de sal a engadir), aínda que dentro dos límites do comestible. Pódese pois afirmar que as propiedades organolépticas deste queixo, exceptuando o sabor salgado, son as propias e características dos queixos desta D.O.

Para acompañar o queixo, fixen un delicioso pan de cervexa, do cal porei a receita proximamente. O queixo e o pan aínda algo amornado lembráronme á cata de queixos que realizamos aquel día na queixería, onde tamén puidemos acompañar o queixo cun pan feito na panadaría que está preto da queixería, e que tamén chegou á mesa algo quente.


Todo iso acompañado duns bos embutidos, unha boa cervexa (esta vez tocoulle a quenda a unha Alpirsbacher Klosterbräu Weihnachts-Bier), e de mellor compañía, fixeron da tarde de onte unha tarde de domingo máis "caseira" ca nunca...

domingo 22 marzo 2009

Queique de papoula e limón

Hoxe toca unha receita que xa é todo un clásico na miña cociña, polo fácil que é, polo rico que está, e porque levo xa uns cantos anos facéndoo "con gran éxito de crítica e público"...

Está sacada dun libro que se chama Repostería y Pastelería (Espasa Calpe, 1991) da donostiarra Isabel Maestre (Premio Nacional de Gastronomía 1997 ao mellor Xefe de Cociña). Actualmente é a responsable, xunto coa súa filla Marta Cárdenas, de El Obrador de Cocina, unha empresa de catering de alto nivel situada en Madrid.

Éste foi un dos meus primeiros libros de cociña, e un dos que máis receitas fixen (e seguirei facendo...)


O libro comeza cun apartado sobre Léxico, onde explica o significado de palabras estreitamente ligadas á repostaría. Continúa con outro apartado sobre Útiles e equipo, e outro sobre Materias primas. Inclúe tamén outro apartado sobre o Traballo do azucre, e outro sobre Cremas, recheos, salsas e glasas, no que se dan as receitas base que logo servirán para facer outras receitas. Logo veñen xa os capítulos de Repostaría e de Pastelaría.

Agora ben : Cal é a diferenza entre estes dous termos? Despois de mirar unha chea de páxinas e de atopar unha chea de respostas contraditorias, a resposta é que non o teño nada claro, aínda que talvez a palabra clave sexa "fariña". É dicir, aqueles doces nos que a fariña é o ingrediente protagonista (biscoitos, xenovesas, madalenas, hoxaldre, masas de fermento, etc) estarían en Pastelaría, mentres que aqueles en os que a fariña ten un papel secundario ou sinxelamente non participa (arroz con leite, natillas, flan, xeados, sorbetes, sobremesas con froitas, mousses, etc) estarían en Repostaría, aínda que insisto, non sei cal é a diferenza, e a verdade, non é que me preocupe demasiado...


INGREDIENTES:
- 175 grs. de manteiga
- 150 grs. de fariña
- 150 grs. de azucre
- 1 culleradiña de Royal
- 1 chisco de sal
- 3 ovos
- 1/2 dl. de leite
- 6 gramos de vainilla
- Reladura dun limón
- 3 culleradas de sementes de papoula (25 grs. aproximadamente)

Para o xarope de limón:
- 75 grs. de azucre
- 1/2 dl. de zume de limón


PREPARACIÓN:
1- Derreter a manteiga nun cazo a lume suave e deixar que arrefríe.

2- Nun bol mesturar os ovos, o leite e a vainilla.

3- Mesturar ben a fariña, azucre, Royal e sal. Bater un pouco para que se airee ben. Incorporar batendo a manteiga fundida pero fría, a reladura de limón, as sementes de papoula e o batido de ovos.

4- Verter nun molde engraxado tipo cake e cocer en forno quente a 180º durante 45 minutos. Antes de sacar comprobar a cocción coa agulla, que deberá saír limpa. Esperar dez minutos antes de desmoldear.

5- Neses dez minutos prepárase o xarope de limón: Pór ao lume o zume de limón e o azucre e deixar que se disolva este.

6- Unha vez desmoldeado, coa axuda dunha brocha vaise pincelando o queique en quente ata que absorba todo o xarope.

Este queique está mellor se se come ao día seguinte.


Tan só algunhas puntualizacións:

- En lugar de vainilla, eu boto un sobre de azucre vainillado, polo que en lugar de 150 grs. de azucre, boto 140 grs. de azucre máis o sobre de azucre vainillado.

- En lugar de engraxar un molde tipo cake (que ademais ás veces é moi difícil de desmoldear), uso un de silicona, que non é necesario engraxar, non se pega e é máis doado de desmoldear. Ese é o motivo de que na primeira foto non se vexan rectos os bordos do queique.

- Á hora de facer o xarope de limón non é necesario ser demasiado estritos coas medidas. Se vos gusta o limón podedes botar o zume de todo o limón, así aprovéitase todo, pel e zume. Tamén podedes botar menos azucre se queredes.

Teño que recoñecer que a primeira vez que lin esta receita no libro pensei:"Sementes de papoula... e de onde vou quitar eu sementes de papoula?...". Ata que uns amigos regaláronme medio paquetiño con sementes de papoula que lles trouxeran de Holanda (si, si, de papoula...hh). Entón acordeime desta receita e fíxena. E claro, unha vez visto o resultado púxenme a buscar as sementes, ata que as atopei na tenda de produtos ecolóxicos onde compro habitualmente. As sementes son da casa Luz de Vida e veñen en paquetiños de 150 grs. Actualmente emprégoas para algunhas receitas máis, receitas que irei pondo por aquí...


Non debe preocuparvos o seu consumo porque a papoula (Papaver rhoeas) non é tóxica, ao que contrario que a súa curmá a adormideira (Papaver somniferum). As sementes de papoula exercen un suave efecto sedante sobre o sistema nervioso, e tomada en infusión axuda a diminuír a tose e a expectorar.

O dito, unha sobremesa altamente recomendable, tanto polo seu sabor como polas súas propiedades.

Bo proveito!!

venres 20 marzo 2009

I Cask Ale Festival

O pasado mércores ás 20:00, como xa anunciara no anterior post, celebrouse na cervexaría O Moucho o I Cask Ale Festival. Para iso picouse un barril de Bishops Finger chegado directamente das adegas da fábrica de Shepherd Neame, en Faversham, condado de Kent.


Unha das particularidades desta cervexa é que vén sen pasteurizar, é dicir, está viva, ao contrario que a inmensa maioría de cervexas de barril que podemos consumir neste país, e ademais non se lle engade gas, senón que se serve só co propio gas que os fermentos da cervexa producen de forma natural. O resultado é unha cervexa que non sacia tanto como as outras e, por este motivo, corres o risco de beber máis da conta...

Shepherd Neame é a fábrica de cervexa máis antiga de Inglaterra. Foi fundada por unha familia de cervexeiros en 1698.


O nome da cervexa fai referencia a uns antigos sinais con forma de dedo que indicaban o camiño aos peregrinos que ían visitar o sepulcro de St. Thomas Becket (antes de Henrique VIII o mandase destruír en 1538) na catedral de Canterbury, do mesmo xeito que as cunchas de vieira que podemos atopar por toda a nosa xeografía que indican aos peregrinos como chegar á tumba do apóstolo Santiago na catedral de Santiago de Compostela.



A Bishops Finger Charter establece que esta cervexa só pode ser feita os venres, e só a pode facer o mestre cervexeiro (actualmente Bobby Neame) usando un antigo tanque de maceración ruso fabricado con madeira de teca. Para iso utilízase auga mineral extraída dun pozo artesanal a uns 60 metros de profundidade, que se atopa na propia fábrica; cebada cultivada na granxa Denne Hill, en Womenswold, entre Canterbury e Dover; e lúpulos cultivados a menos de 30 quilómetros da fábrica, sempre dentro do condado de Kent. Por todo iso, a Bishops Finger é a única cervexa británica co selo distintivo de Indicación Xeográfica Protexida (Protected Geographical Indication) da Unión Europea, e a única que leva o cualificativo de Kentish Strong Ale.


Pero volvendo ao evento que nos ocupa, aquí temos a Chicho, the landlord, procedendo a cravar a espita no barril de maneira tradicional, con mazo e todo.




A cara dío todo...


É unha cervexa de sabor suave, de 5,4% de alcol, aínda que se clasifique como unha Kentish Strong Ale. Ten un notable amargor producido polos lúpulos utilizados durante a súa cocción. Aquí reproduzo a cata que desta cervexa fan os propios fabricantes:
O carácter dominante desta premium ale é o seu xeneroso sabor afroitado, con reminiscencias de plátano e peras con notas cítricas. Unha cervexa tostada con moito corpo, con moito sabor e cun persistente acabado de lúpulo. Unha cervexa ideal para acompañar a comida, ou como delicioso dixestivo para despois de comer.


Pica aquí para ver máis fotos

Resultado da noite: 39 litros de cervexa en menos de 4 horas. Antes das doce da noite xa estaba o barril rematado, co que se daba por concluído o evento.

Agora toca esperar ao II Cask Ale Festival...

domingo 15 marzo 2009

Cabritos, mouchos e Bishops Finger Cask Ale

O Moucho é unha pequena cervexaría de Ourense pola que pasa gran cantidade de xente, e algúns dos que, ao longo dos anos, iamos e seguimos indo por alí, fomos establecendo amizade até constituír un pequeno grupo de afeccionados ao bo comer. Non é unha "peña" ao uso, con socios nin nada polo estilo, nin sequera con días fixos para saír a cear. Simplemente imos cando nos apetece e participa todo aquel que lle apeteza participar.


Pois ben, o pasado martes volvémonos a xuntar para ir degustar un cabrito. Despois de quedar no Moucho para tomar unhas cañas, fómonos até o restaurante José Luís, na rúa Bedoya. Na entrada do restaurante está a zona da barra. Alí servíronnos unhas tapas de cachucha de porco e outras de xamón serrano. Hai que dicir que o xamón era bo, non así a cachucha, que estaba insulsa, seca e gomosa.

Na zona das escaleiras de baixada que levan ao salón principal teñen colgadas as típicas fotografías de xente famosa que se pasou polo restaurante, e teño que recoñecer que me sorprendeu ver alí unha fotografía de Toquinho, o ilustre guitarrista brasileiro, nunha visita a terras ourensás fai un par de anos.

Volvendo ao restaurante, no soto atópase un amplo salón presidido por unha impoñente cheminea de pedra. Alí, unha vez acomodados, pasamos ao cabrito directamente.


A pinta ao chegar á mesa era estupenda, pero nada comparado co sabor: sinxelamente delicioso. Estaba asado no punto xusto no que a carne se separa dos ósos con facilidade. Perfecto.


O acompañamento, como podedes observar, tratábase dunhas patacas fritas e duns pementos de piquillo. Botábase en falta, quizais, unha ensaladiña de leituga, tomate e cebola. E, xa que estamos cos contras, quizais uns pementos asados na mesma fonte do cabrito redondeasen o prato un pouco máis, en lugar dos pementos en conserva...

O viño elixido para acompañar o cabrito foi o Algueira, da Ribeira Sacra.


O capítulo de sobremesas foi, para min, sen dúbida a nota amarga da cea (que paradoxo...). O único que vou dicir é que eu tomei un "tiramisú" que, calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Aínda que un restaurante non se especialice en sobremesas, eu creo que debería coidar un pouco máis aspectos como este. Pódese quedar ben sen demasiado esforzo.

De todos os xeitos, teño que dicir que me gusta este restaurante, e que quedei con ganas de volver a por outro cabrito ou o que sexa...

E volvendo ao tema Moucho, dicir que o vindeiro mércores 18 ás 20:00 vaise a picar, por fin, o barril de Bishops Finger Cask Ale, a excelente cervexa de Shepherd Neame.


Esta cervexa de barril ten a particularidade de que non pasa polo serpentín que utilizan as outras cervexas de barril para refrixerarse, nin se mestura con CO2 para engadir gas á cervexa, senón que se coloca directamente encima da barra, colócase unha espita coma se fose un barril de viño, e sácase a cervexa sen máis axuda que a forza de gravidade.Para saber máis sobre esta cervexa, aquí poño a ligazón: Bishops Finger Kentish Strong Ale.

Aquí poño tamén as imaxes da campaña publicitaria que esta cervexa lanzou en México fai un par de anos, e que en Inglaterra foi censurada "por vincular o alcol co sexo". Picade na imaxe para vela máis grande e xulgade vós mesmos...


Á marxe de polémicas, dicir que esta cervexa é deliciosa, e que daremos boa fe diso os que o mércores nos deixemos caer por alí para tomarnos unha pinta (polo menos...).

E falando de pintas, lembrade que o próximo martes é 17 de marzo, ou o que é o mesmo: St. Patrick's Day. Tomádevos unha cervexa para celebralo e lembrade que Irlanda non só é Guinness...

domingo 08 marzo 2009

Obradoiro de elaboración de queixos en Touro (D.O. Arzúa-Ulloa)

Onte tiven a oportunidade de asistir a un taller de elaboración de queixos na queixería Agro Despensa, situada na pequena aldea de Murgás, parroquia de Turcés, concello de Touro (A Coruña). Este Obradoiro de queixo con editores de blogs estaba enmarcado dentro do programa de actividades da 34ª Edición da Festa do Queixo, que terá lugar en Arzúa os días 13, 14 e 15 de marzo.


Sobre as 11 da mañá fomos chegando á queixería todos os participantes, entre os que se atopaban, Por mis fogones (organizadores do evento), delokos, Laconada, Nueva cocina de aldea, Maxamanías, Borralleira e máis eu. Alí esperábanos Nino (Benigno Pereira), fillo dos queixeros propietarios de Agro Despensa, Consuelo e José, e ademais fundador e propietario de Queixerías Bama.

Nino, ademais de filósofo por vocación e gaiteiro por afección, é un queixero de profesión que sabe pór os seus grandes coñecementos técnicos sobre a fabricación de queixos ao alcance de calquera coas súas sinxelas explicacións. De caste vénlle ao galgo, porque non en balde a súa nai, Consuelo Ramos, nas nove veces que se presentou á Cata de Queixos de Galicia, o seu queixo, Arquesán, foi galardoado con 6 ouros, 2 pratas e 1 bronce (o último ouro conseguido na última edición, celebrada en novembro de 2008).


Comezou a xornada cunha pequena charla introductoria sobre o mundo do queixo na aula didáctica coa que conta a quesería, para logo pasar á queixería propiamente dita para comezar co proceso de elaboración.


Este proceso comeza co quecemento de 40 litros de leite de vaca até a súa temperatura óptima de traballo (entre 31ºC e 32ºC). Ao alcanzar os 25ºC engadíronse as dúas cepas de fermentos lácticos que se utilizan nesta queixería. Ao tratarse de leite pasteurizada, elimínanse a maioría de elementos patóxenos, pero tamén os fermentos naturais, co que é necesario engadilos de novo. Outra vantaxe que ten a adición de fermentos é que se pode controlar mellor a fermentación do queixo porque se sabe de antemán o tipo de bacteria que actuará, e polo tanto, como se comportará esta en todo o proceso de fermentación.

Ao alcanzar os 32º graos engádense dous culleradas de cloruro de calcio e a mesma cantidade de presoiro (callo), que non é máis que un starter que fará que o proceso de callado do leite comece cunha maior prontitude.


Ao cabo de relativamente pouco tempo o leite xa estaba callado, polo que o seguinte paso era cortala. Para iso utilízanse uns utensilios que reciben o nome de "liras" pola similitude con este instrumento.


Despois de cortar o leite callado até deixala do tamaño de grans de millo, tocaba desorar, é dicir, retirar a maior parte do soro. Despois de facer isto había que engadir auga a uns 32ºC para eliminar gran parte da lactosa e así baixar o Ph do queixo. Non había problemas co cloro porque toda a auga que utilizan na queixería está tratada con luz ultravioleta.


Mentres se removían ben os grans cortados, e para profundar un pouco máis no mundo dos sabores do queixo, asistimos a unha pequena cata, onde puidemos probar os queixos da propia queixería e os de Bama (Arzúa-Ulloa e Tetilla), e tamén puidemos probar un excelente queixo de tetilla curado, fabricado por Nino, que é unha auténtica delicia, á altura de moitos outros queixos curados que si gozan de prestixio, pero que curiosamente, segundo palabras do propio Nino, non atopa mercado porque a xente normalmente asocia Tetilla con queixo máis fresco e menos curado, e ao ver un Tetilla curado chégase a crer que é un queixo estragado.
Mención aparte merece tamén o pan que nos puxeron para acompañar o queixo durante a cata, outra auténtica delicia local que chegou á mesa aínda tépedo. Este pan, ao parecer, estaba elaborado tamén cos fermentos do queixo. A maioría dos que estabamos alí debatiámonos entre comer máis queixo e máis pan ou facer caso dos consellos de Consuelo de reservarnos para a comida que tan amablemente nos estaba preparando.



Ao terminar a cata volta á queixería. Despois de media hora de lavado, e despois de engadir o sal, toca escurrir os grans de queixo, e para iso utilízanse uns escurridores pequenos. Logo pásase o contido dos escurridores a outros recipientes nos que previamente se colocou unha gasa de algodón, e se prensa manualmente a pasta de queixo para tentar quitar a maior cantidade posible de líquido.


Como a presión manual non resulta suficiente, métense os queixos na prensa e déixanse durante unhas horas.


Agora chegaba o momento de ir comer o capón que Consuelo nos preparara, e tamén a carne á brasa. Tanto unha cousa como a outra estaban realmente deliciosas, así como a rosca que Nueva cocina de aldea nos ofreceu como sobremesa.

Xa pola tarde, para facer a dixestión, achegámonos a visitar a carballeira próxima á queixería. Sorprendente a beleza da paraxe, o verdor dos prados circundantes, a tranquilidade que alí se respira...



As prímulas anuncian a inminente chegada da primavera a Touro.


De volta na queixería xa só quedaba sacar os queixos da prensa, desmoldealos e listo. Aquí está o resultado final:


Pica aquí para ver máis fotos

Só queda dicir que a queixería conta ademais cunha aula didáctica que recibe habitualmente a visita de escolares interesados na elaboración de queixo. Os nenos participan en todo o proceso de elaboración, desde a preparación do leite para a fabricación do queixo até o deseño das etiquetas. A cada queixo asígnaselle un código, así, cada neno recibe no seu colexio o queixo que el mesmo elaborara unha semana antes, co seu código e a súa propia etiqueta. Unha estupenda maneira de espertar o interese de nenos polos produtos de calidade elaborados na súa terra e de que proben o sabor do auténtico queixo, o de verdade, e non dos cada vez máis habituais nos nosos supermercados que se parecen cada vez menos ao queixo de verdade.

Xa para terminar, imos co capítulo de agradecementos: agradecer a delokos por terme mencionado o obradoiro e terme posto en contacto cos organizadores; á xente de Por mis fogones por terme permitido asistir e por telo organizado todo; a Nino Pereira e á súa marabillosa familia que nos acolleu dunha maneira tan calorosa e tan amable, e que nos fixeron ver o mundo do queixo dunha maneira máis próxima; e por suposto ao resto de participantes neste obradoiro todo o meu agradecemento.

Pódovos asegurar que a partir de agora, cada vez que vaia ao súper a comprar queixo, mirarei a este con outros ollos...

luns 02 marzo 2009

Deliciosos legumes

Este pasado domingo tivemos un xantar a base de legumes. De primeiro prato uns garavanzos con bacallau, e de sobremesa un curioso brownie de azukis, pero cun resultado sorprendentemente bo.

Garavanzos con bacallau

Este prato é outro clásico da nosa cociña, por saboroso e por extremadamente sinxelo. Ademais, pódense ter todos os ingredientes na casa para facer nun día no que non apeteza saír a facer a compra, ou para un domingo no que o corpo necesita combustible pesado e non apetece demasiado cociñar. Só hai que ter uns botes de garavanzos cocidos e de tomate triturado, e tamén un paquete de bacallau no conxelador.

Eu uso garavanzos ecolóxicos de Carrefour Eco, pequenos pero moi saborosos, e cun punto de cocción perfecto.


En canto ó bacallau, sempre adoitamos ter no conxelador algún paquete de porcións de bacallau Pescanova, que son moi cómodas de usar, e que dan a cantidade xusta para esta receita, pero tamén se poden usar migas de bacallau desalgadas.

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- Un bote de 660 grs. garavanzos cocidos
- 300 grs. de tomate triturado
- 1 cebola
- 1 dente de allo
- Uns grans de comiño
- 1/2 vaso de viño branco
- 400 grs. de bacallau desalgado
- Un chisco de sal
- Un chisco de azucre
- Aceite de oliva
- Perexil picado

PREPARACIÓN:

1- Botar un chorro de aceite de oliva nunha pota pequena. Picar ben a cebola e o dente de allo e botalos na pota cando o aceite estea quente. Deixar pochar.

2- Cando estean pasados a cebola e o allo engádese o viño branco e déixase evaporar o alcol. Engadir o tomate triturado, un chisco de sal e un chisco de azucre, e deixar reducir un chisco.

3- Engadir os garavanzos con toda a auga que os acompaña no bote. Machacar os grans de comiño nun morteiro e engadilos á pota. Mesturar ben e deixar quecer uns 5 minutos.

4- Mentres, retirar a pel do bacallau e cortalo en dados. Cando os garavanzos estean ben quentes engádese o bacallau e déixase uns 5 minutos máis ata que estea feito.

5- Rectifícase de sal de fose necesario e sérvese con perexil picado por enriba.



Brownie de azukis

Vin esta receita hai uns días no blog da Dieta Seignalet, que xa mencionéi no anterior post ó falar do Pan de arroz e garavanzo ó vapor, e pareceume unha receita que había que intentar, tanto polos ingredientes, como pola pinta que tiña na foto, e a verdade é que se trata dun pastel delicioso, apto para chocohólicos...hh

A receita orixinal é do libro Baking with Agave Nectar, de Ania Catalano, no que aparece co nome de The Amazing Black Bean Brownies (pax. 38).


Despois publicouse na web 101 cookbooks, co mesmo nome. Tempo máis tarde apareceu na xa citada Dieta Seignalet co nome de Brownie de judías negras: increíble!, e de aí a este blog.

Os ingredientes na receita da Dieta Seignalet están adaptados a esta dieta, e ademais as medidas aparecen en cups americanas. O que fixen foi pasar estas medidas a gramos, para que resulte máis cómodo.

Tamén hai que dicir que a receita orixinal utiliza néctar de ágave como edulcorante, pero eu uséi panela. Tamén se pode usar azucre integral.

INGREDIENTES:
- 125 grs. de azukis (ou fabas negras)
- 1 tira de alga kombu
- 250 grs. de margarina (ou manteiga)
- 100 grs. de noces picadas
- 225 grs. de panela (ou 1 cunca e media de néctar de ágave)
- 115 grs. de cacao puro en po
- 4 ovos
- 4 culleradas de café ou licor café
- 2 culleradas de extracto de vainilla
- Un chisco de sal mariño

PREPARACIÓN:
1- Poñer os azukis en remollo durante unhas horas ou toda a noite. Despois das horas de remollo, cócense na ola rápida cunha tira de alga kombu durante 20 minutos desde que empeza a saír o vapor. (Tamén se poden usar legumes cocidas de bote).

2- Derreter a margarina no microondas a baixa potencia. Engadir o cacao en po e mesturar ben. Botar os azukis cocidos, as culleradas de café e as culleradas de vainilla na mestura de cacao e triturar todo coa batedora ata que non queden grumos.

3- Aparte bater os ovos coa panela ata que estean espumosos e engadilos á mestura de azukis e cacao.

4- Engadir as noces picadas e o sal. Mesturar todo ben.

5- Botar nun molde engraxado e meter no forno a 110ºC (si, si, 110ºC) durante unha hora e media (a receita de Dieta Seignalet di 1 hora, pero no meu forno necesitou 1 hora e media).

6- Sacar do forno despois de comprobar que está cocido, deixar arrefriar e desmoldear.

Aquí está o resultado:


A textura non é como un biscoito porque non leva fariña, e o resultado é un pastel húmido, pola cocción a baixa temperatura, cun delicioso sabor a chocolate, que non recorda en ningún momento ó sabor dos legumes.


Un bo exemplo de que os legumes se poden empregar en todo tipo de pratos, non só en pratos de culler, senón tamén en sobremesas.


Deliciosos (e nutritivos) legumes.

Bo proveito!!