xoves 20 agosto 2009

Queique de cabaciño

Estes días regaláronme unha chea de cabaciños. Os meus pais renunciaron a plantalos hai xa uns anos, e non porque non desen froito, senón máis ben todo o contrario: daban tantos cabaciños que ao final acababamos fartos e había que regalalos para que non se botasen a perder. Ademais, cometiamos o fallo de deixalos medrar unha barbaridade, co que era necesario desfacerse das sementes duras e da fibra esponxosa que as recubre, e o peso final do cabaciño era o mesmo que se fose recollido uns días antes.

O caso é que, a pesar de non plantar cabaciños durante anos e de non telos mercado nunca (I swear), é raro que durante estas datas non falte algún cabaciño na neveira. As receitas que máis se adoitan facer son as habituais: crema de cabaciño, cabaciño fritido (rebozado simplemente con fariña de garavanzo, como nos propón delokos, está moi bo). Pero a que máis veces fago é este queique de cabaciño.


A utilización de hortalizas (e mesmo legumes) na elaboración de receitas doces non é nada novo, só hai que lembrar o famoso cabelo de anxo, que se fai cunha cabaza do mesmo nome. Adoitan utilizarse cenorias, cabazas, fabas ou azukis, como no delicioso brownie de azukis que xa presentei unha vez.

Esta receita está sacada do libro Repostería y Pastelería (Espasa Calpe, 1991), de Isabel Maestre, e do que xa puxen máis dunha receita.


A orixe do cabaciño (Cucurbita pepo) non está moi claro. Algunhas fontes apuntan a que é orixinario de Asia e outras a que procede de América, e que foi introducido en Europa polos españois. O que si se sabe é que era xa consumido polos caldeos, os exipcios, os gregos e os romanos, e que os árabes tiveron bastante que ver na súa difusión por toda a área do Mediterráneo, co que a teoría da orixe americana queda un pouco en dúbida...

Imaxe sacada de cultivar.net
Ten un alto contido de auga (93%), é rico en minerais, sobre todo potasio, vitamina C e β-caroteno.

Queique de cabaciño


INGREDIENTES:

- 225 g. de fariña
- 225 g. de azucre
- Un chisco de sal
- 1 culleradiña de canela
- 1 culleradiña de bicarbonato
- 1 culleradiña de Royal
- 1 culleradiña de vainilla en po
- 3 ovos
- 1,25 dl. de aceite de xirasol
- A reladura dun limón
- 250 g. de cabaciño relado coa súa pel
- 100 g. de pasas maceradas en ron
- 100 g. de noces picadas
- Sementes de cabaza para decorar


PREPARACIÓN:
1- Bater os ovos e o azucre até obter unha crema de cor pálida.

2- Engadir as especias, aceite de xirasol e fariña. Mesturar ben.

3- Relar o cabaciño coa súa pel e mesturar con todo o anterior.

4- Engadir, por último, as pasas e as noces.

5- Verter a mestura nun molde redondo previamente engraxado e enfariñado. Botar por encima as sementes de cabaza.

6- Cocer en forno prequentado a 200ºC durante uns 45 minutos ou ata que estea cocido. Comprobar a cocción cun escarvadentes ou unha agulla, que deberá saír limpa.


PUNTUALIZACIÓNS:
- En lugar de vainilla en po, eu utilizo azucre vainillado. Para iso poño 220 g. de azucre + un sobre de azucre vainillado.

- A autora da receita propón cocer o queique durante 30 minutos a 200ºC. No meu forno non é suficiente, polo que cada cal probe ata que estea ben cocido.

- As sementes de cabaza son unha achega persoal á receita. Creo que encaixan moi ben con este queique.

- Non é necesario remollar as pasas en ron. Se non se fai, é conveniente pasalas por fariña antes de engadilas á mestura para que se distribúan uniformemente por todo o queique e non se vaian ao fondo.


Se vos pasa como a min e non sabedes que facer con tantos cabaciños, dádelle unha oportunidade a este queique. É unha maneira diferente de comer esta hortaliza...

domingo 16 agosto 2009

Be aware of the dog...

Estes días andamos algo leados por aquí co cambio de casa e a verdade é que non teño demasiado tempo para actualizar o blog. A partir de agora espero non estar tan ocupado, aínda temos a casa un pouco patas arriba e levaranos un tempo asentarnos...

E o caso é que como estreamos casa, pensei que sería boa idea comprar unha mascota para que nola coide e nola protexa. Así que, despois de darlle moitas voltas decidinme por un Bulldog. Aquí vos poño unha foto para que o vaiades coñecendo:


Bonito, non si?, co seu colar a xogo e todo...hh

Evidentemente non se trata dun can, senón da xenebra Bulldog. É un produto da compañía CK3 LLC, que a lanzou ao mercado o 15 de outubro de 2006. É unha London Dry que se destila en Inglaterra.

En verdade, elixín esta pola presentación, cousa que di moi pouco do meu criterio á hora de elixir unha xenebra (ou calquera outra cousa). Despois da miña boa experiencia coa Citadelle, apetecíame probar outra nova xenebra porque, como xa mencionei antes, agora hai moitas e boas onde escoller, e a elección foi bastante afortunada, porque é unha xenebra moi aromática e moi suave, cunha gradación de alcol (40%) inferior a algunhas das súas homólogas.

Botemos unha ollada aos ingredientes. Ademais do xenebreiro, que sempre é o principal aromatizante da xenebra, na longa lista de ingredientes podemos atopar os seguintes:

Ollo de dragón (Dimocarpus longan), tamén coñecido como longán (longán en chinés significa precisamente "ollo de dragón"). é un parente próximo do lichi (Litchi chinensis). Na fotografía pódese ver de onde vén o seu curioso nome:

Imaxe sacada de http://khmerkromrecipes.com/

Papoula de California (Eschscholzia californica) ou Eschscholzia. Parente próxima da papoula (Papaver rhoeas), que proporciona a esta xenebra un sabor doce e a froito seco.

Imaxe sacada de http://es.wikipedia.org/wiki/Eschscholzia

Loto tigre ou nenúfar branco exipcio (Nymphaea lotus). Parente cercano do lirio de auga, non se debe confundir coa flor de loto (Nelumbo nucifera). O loto tigre aporta un aroma perfumado á xenebra.

Imaxe sacada de http://www.raingarden.us/

Limón (Citrus limon). Proporciona un aroma limpo e fresco.

Imaxe sacada de http://gl.wikipedia.org/wiki/Lim%C3%B3n

Améndoa (Prunus dulcis). Proporciona un sutil sabor a froito seco.

Imaxe sacada de http://www.lawebmunicipal.com/

Cassia (Cinnamomum aromaticum). Parente cercana da canela (Cinnamomum zeylanicum) cun aroma bastante similar.
Imaxe sacada de http://www.celtnet.org.uk/

Lavanda (Lavandula). Utilízase polo seu particular aroma.


Imaxe sacada de http://www.decoraestilo.com/

Orris root é a raíz seca de certas clases de lirio (Iris germanica). É un ingrediente comunmente utilizado na aromatización da xenebra (Bombay Sapphire, por exemplo, tamén a utiliza).

Imaxe sacada de http://pics.davesgarden.com/

Imaxe sacada de http://www.dkimages.com/

Regaliz (Glycyrrhiza glabra). Este legume é orixinario do sur de Europa. O seu nome provén das voces gregas rhiza e glyks ou glukus, e significa literalmente "raíz doce". A regaliz proporciona á xenebra un regusto doce. Tamén forma parte dos ingredientes utilizados na elaboración da cervexa Guinness.

Imaxe sacada de http://www.nutricion.pro/

Anxélica (Angelica archangelica). Medra salvaxe nos países do norte de Europa (aquí en España temos a Angelica sylvestris, moi parecida, pero que non posee as propiedades da súa irmá do norte) e cultívase en Francia.

Imaxe sacada de http://www.floralimages.co.uk/

Coriandro (Coriandrum sativum). Chámase coriandro ás sementes do coandro. Aportan á xenebra un toque alimoado.

Imaxe sacada de http://realnaturals.net/

Ademais da botella de Bulldog, atopei tamén neste supermercado a Tónica Q, da que ouvira falar (sobre todo do seu prezo), e que non tivera a posibilidade de atopar con anterioridade, e pareceume boa idea probar estes dous produtos xuntos.


A tónica Q, ou QTonic, chega desde Estados Unidos, concretamente desde Nova Iorque. Creada por Jordan Silbert, e segundo el mesmo nos di na historia desta tónica, foi creada para ter a posibilidade de poder mesturar as excelentes xenebras e os excelentes vodkas que se poden atopar hoxe en día, cunha excelente tónica, cousa que, segundo el, antes non era posible. A receita, que inclúe auga triplemente destilada, quinina recollida a man nos Andes peruanos, néctar de ágave ecolóxico e extracto de limón, foi deseñada por mixólogos (expertos na preparación de bebidas combinadas) para que existise un equilibrio perfecto entre dozor e amargor. Ten ademais un 60% menos de calorías que as outras tónicas.

O deseño da botella tampouco é casual. É froito do traballo de Aruliden, unha empresa fundada en xuño de 2006 por Rinat Aruh e Johan Liden, que son dous dos mellores deseñadores novos de Estados Unidos.

Unha vez feitas as presentacións dispúxenme a preparar un bo Gin&Tonic: copa ancha, xeo de auga de manancial, tira de pel de limón, Bulldog e QTonic. O resultado, en verdade, non foi todo o satisfactorio que esperaba. Non tanto pola xenebra senón máis ben pola tónica que, a pesar de todo o exposto con anterioridade, non me pareceu acorde co seu prezo (3,15€ é o prezo que eu paguei por cada botella en Haley, aínda que me parece que en Estados Unidos véndese ao prezo de 8,99$ o pack de 4 botellas, o cal xa me parece máis razoable e, sobre todo, máis acorde co produto).

Na miña modesta opinión, paréceme unha tónica mal equilibrada (a pesar do equipo de mixólogos que a desenvolveu) porque é bastante amarga, e ademais, para o meu gusto, ten moi pouco gas, o que fai que o gin&tonic resulte demasiado augado.

De todas as tónicas que probei até agora, en canto á relación calidade-prezo, sígome quedando coa Schweppes, que por certo, non sei se debido a este rexurdir das tónicas, agora remarcan perfectamente no paquete que todos os seus ingredientes son de orixe 100% natural, ademais de que está feita segundo a receita orixinal de Jacob Schweppe de 1783...

En fin, como xa dixera no meu outro post sobre Gin&Tonic, está moi ben que haxa variedade á hora de escoller unha tónica ou unha xenebra de calidade, e que como sobre gustos non hai nada escrito, que cada cal faga a combinación que lle guste máis, aínda que non todos sexamos expertos en mixoloxía...