mércores 31 marzo 2010

Galician caldo

Fai un par de días aparecía nalgúns xornais a noticia de que Jamie Oliver, o coñecido e televisivo cociñeiro inglés, decidira pór os seus ollos en Galicia preparando unha das receitas máis ancestrais da nosa gastronomía: o caldo galego. Pero parece ser que, como os grelos son algo difíciles de conseguir pola Gran Bretaña, substitúe estes por a alga wakame, pero iso si, das rías galegas...

Foto de David Loftus

A noticia (aquí deixo en ligazón á mesma en La Voz de Galicia) é... ía dicir sorprendente, pero non, non porque non debería sorprender a ninguén que os mellores cociñeiros poñan os seus ollos nos produtos galegos (e non só de marisco viven os galegos...), senón máis ben curiosa, e por varios motivos:

Primeiro polo nome, porque non deixa de ser curioso lelo en inglés. A min sóame un pouco posh (ou preppy, como dirían en norteamérica). Imaxinádevos a cara que porían as nosas avoas si visen a carta dalgún restaurante elegante de Londres na que che cobren a ración de "Galician caldo" a 20 pounds...

Segundo, porque non deixa de ser curioso que Jamie Oliver prepare unha das receitas que a miña nai (e todas as nais de Galicia) prepara en casa de toda a vida...

E terceiro, porque non deixa de ser curioso o uso dun ingrediente tan "innovador" neste prato como é a alga wakame (Undaria pinnatifida), como substituto da verdura galega máis tradicional: o grelo (Brassica rapa). O uso das algas en Galicia, até fai ben pouco, limitábase ao fertilizado de leiras, e aínda hoxe seguen sendo un ingrediente de uso pouco común.

Aínda que Jamie Oliver leve a fama, a verdade é que a receita é de Antonio Muiños, de Portomuiños, empresa de Cambre (A Coruña) dedicada desde 1998 á comercialización das algas galegas, chegando xa a súa distribución aos cinco continentes. Esta empresa ten como clientes aos máis prestixiosos cociñeiros, como Ferran Adrià, Pedro Subijana, Joan Roca, Juan Mari Arzak, Santi Santamaría, Quique Dacosta, Andoni Aduriz ou o galego Marcelo Tejedor, que cualificou a Antonio como o "gurú" das algas.


E esa fama é a que fixo que Jamie Oliver mandase a un equipo de colaboradores a Cambre para facer unha reportaxe sobre Portomuiños e as súas algas, e que foi publicado no último número da súa revista Jamie Magazine.

Aquí poño a ligazón á receita na páxina oficial de Jamie Oliver: Galician caldo with wakame seaweed.


Non é esta a primeira vez que vexo a Jamie Oliver usando un ingrediente típico da cociña galega. No episodio 12 da 2ª tempada de Oliver's twist (Jamie and the soccer girls) Jamie preparaba uns pementos de Padrón, entre outras tapas "typically Spanish", para as mozas do equipo feminino de fútbol, posto que a capitá do equipo era española.

Se se pon de moda a comida galega en Inglaterra, acabaremos atopando nos menús dos restaurantes londinienses a famosa frase "Pementos de Padrón,uns pican e outros non", pero en versión Rei Zentolo: Little green hot peppers from Padrón, ones are spicy, anothers don't...

domingo 21 marzo 2010

Afundir o Bismarck

Fai cousa de tres meses publicaba neste blog unha entrada que levaba por título Tactical Nuclear Penguin vs Schorscbock, na que comentaba a "guerra" aberta entre as cervexeiras Brewdog (Escocia) e Schorschbräu (Alemaña) por saber cal das dúas produce a cervexa máis forte do mundo. Os escoceses acababan de fabricar a súa Tactical Nuclear Penguin, cun 32% de contido alcólico, e os alemáns sacaran, case pola mesma data a súa Schorschbock de 40% de alcol.

Pois ben, o pasado 19 de febreiro presentouse en Londres a última creación de Martin Dickie e James Watt, de Brewdog, co provocador nome de Sink the Bismarck (Afundir o Bismarck)


A Sink the Bismarck é unha IPA cuádrupla, co cuádruplo de lúpulo, o que a fai catro veces máis amarga, e conxelada catro veces para conseguir así un aumento no volume de alcol: 41%. "Esta cuádrupla lupulización dá como resultado un aroma afrutado, resinoso e especiado. O sabor a malta, mel e aceite de lúpulo supón un ataque frontal ás papilas gustativas, como un torpedo de amargor de lúpulo que dura e dura".

Esta cervexa só está dispoñible a través de Internet, na tenda de Brewdog, ao módico prezo de 40£ (uns 44,50€) a botella de 33 cl. Iso si, inclúe un tapón para poder pechala se, loxicamente, non se consome dunha soa vez (iso sería como beberse case media botella de whisky...hh).

Por si o nome da cervexa non fose suficiente para avivar os ánimos dos alemáns, tamén lanzaron un vídeo promocional no que aparecen os cervexeiros escoceses facendo unha parodia sobre, como non, o afundimento do Bismarck, aquel mítico acoirazado alemán que crían invencible e que acabou no fondo do mar na primeira operación que lle foi encomendada, o 27 de maio de 1941, durante a chamada Batalla do Atlántico.

Sink the Bismarck! from BrewDog on Vimeo.


Á parte desta polémica coa cervexeira alemá Schorschbräu, Brewdog protagonizara xa algunha outra anteriormente, como a que xurdiu a raíz do lanzamento da Tokyo*, a "fantástica e intergaláctica stout envellecida en carballo", de 18,2% de alcol. Naquel momento era a cervexa máis forte do Reino Unido e houbo unha gran alarma por todo o país por unha cervexa que eran "tres pintas nunha botella". O alto contido alcohólico desta cervexa parecía ir en contra de todas as campañas en favor do consumo responsable de alcol, polo que no Reino Unido levaron as mans á cabeza. Entón decidiron crear unha cervexa tan suave que está mesmo por baixo da clasificación legal de cervexa e non é o suficientemente forte para pagar impostos como cervexa. Trátase da Nanny State, unha Ale de 1,1% de alcol.


Por suposto o nome tamén é sarcástico, posto que "Nanny State é un termo pexorativo que se refire ao proteccionismo estatal, ao intervencionismo económico e ás políticas reguladoras (económicas, sociais ou de calquera outra natureza) e á percepción de que estas políticas se están institucionalizando como práctica común". (wikipedia)

En fin, que estes cervexeiros parece que teñen na polémica a súa mellor baza para publicitar a súa cervexa. Agora toca esperar a ver si os alemáns contraatacan con outra cervexa que supere a esta, ben en alcol ou ben en polémica.

Estaremos atentos aos acontecementos...

Saúde!!

domingo 07 marzo 2010

Trufas de crema de augardente e mascarpone

Como aínda me queda crema de augardente na neveira da última remesa que preparei, estiven a buscar receitas de sobremesas que a empregan como ingrediente, e atopei no blog de Pepinho (i-recetas) esta que, polo fácil e polo rápida, convenceume enseguida. Trátase das súas Trufas de Baileys e mascarpone, que eu reconvertín en Trufas de crema de augardente e mascarpone.


Aínda que non son unhas trufas propiamente ditas, levan ese nome pola forma, moi similar á das trufas.

INGREDIENTES:
- 125 g. de queixo mascarpone
- 100 g. de chocolate branco
- 50 g. de manteiga a temperatura ambiente (pomada)
- 8 galletas Digestive
- 4 culleradas de crema de augardente
- Coco relado para rebozar

PREPARACIÓN:
1- Tritúranse as galletas ata que queden reducidas a po e derrétese o chocolate branco (no microondas ou ao baño maría) con 10 g. de manteiga.

2- Nun bol mestúrase o queixo mascarpone, o chocolate branco derretido, os 40 g. restantes de manteiga, as galletas trituradas e a crema de augardente. Remóvese ben para que quede unha masa lisa e homoxénea.


3- Métese na neveira durante unhas horas para que a masa endureza e colla consistencia suficiente para poder facer as boliñas facilmente.

4- Bótase o coco relado nun prato fondo. Vanse facendo as boliñas, bótanse no coco e vanse rebozando ben. Vanse colocando en moldes de trufas ou ben nun prato directamente.


5- Métense na neveira para que volvan coller consistencia.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Ao facer as boliñas é conveniente meter as mans baixo o chorro de auga fría para que a calor das mans non as derreta.

- Pepinho usa na súa receita 10 biscoitos dos que levan azucre por encima. Eu tamén a fixen usando eses biscoitos, pero gústame máis como queda usando as Digestive, que poden ser normais ou, como eu, de laranxa. Pódese usar calquera galleta, pero é importante trituralas ben finas para que non aparezan grumos nas trufas, e hai que ter en conta ademais o peso das galletas, que influirá no número de galletas que vaiamos utilizar.


O dito, unha sobremesa facilísima e cun resultado e unha presenza excelentes. Así que se vos gusta a crema de augardente (ou a crema de güisqui) esta sobremesa, ben seguro, gustaravos tamén...