domingo 30 outubro 2011

Muffins de cabaciña e macela

Aquí estou outra vez. Despois de dous meses de inactividade blogueira decidín volver publicar unha receita. Espero comezar a publicar cousas con máis asiduidade de agora en diante. E para empezar a coller ritmo traio unha receita sinxela, das de facer en moi pouco tempo e con poucos ingredientes: Muffins de cabaciña e macela.


Esta é outra desas sorprendentes receitas fat-free do libro de Harry Eastwood Red Velvet Chocolate Heartache do que xa publiquei algunha receita con anterioridade. E digo sorprendente porque a pesar de ser unhas receitas con pouco ou nada de graxa, resultan moi lixeiras de sabor e con textura húmida, e ademais moi sas. Os muffins de hoxe sorprenden ademais polo uso da macela, que non é un ingrediente nada habitual en repostaría.


Dabondo son coñecidas as propiedades da macela (Matricaria chamomilla L.), que xa eran coñecidas por exipcios, gregos e romanos: moi dixestiva, favorece as dixestións difíciles e alivia as dores de estómago. Hoxe en día sabemos, ademais, que é boa para o fígado porque estimula a produción da bile, é boa para o colesterol porque axuda a eliminar as graxas do sangue. Actúa tamén como sedante en casos de nerviosismo ou insomnio, e tamén é un bo diurético, posto que axuda a eliminar líquidos. Un sen fin de propiedades das que tamén nós nos aproveitaremos.


Muffins de cabaciña e macela

INGREDIENTES:
- 2 ovos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 120 g de azucre
- A pel relada de medio limón
- 200 g de cabaciña sen pel relada ou picada finamente
- 5 bolsiñas de macela (das de infusión)
- 150 g de fariña de arroz
- 50 g de fariña de améndoas
- 2 culleradiñas de fermento sen aluminio
- 1/2 culleradiña de bicarbonato
- 1/4 culleradiña de sal
- Azucre glas


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Preparar 12 moldes de muffins.

2- Nun bol bater os ovos e o azucre durante uns 3 minutos ata que estean montados e teñan unha cor pálida. Engadir a pel de limón relada e a cabaciña e mesturar ben coas varillas.

3- Baleirar o contido das bolsiñas de macela e engadilo á mestura anterior. Engadir a fariña de arroz, a fariña de améndoas, o fermento, o bicarbonato e o sal. Mesturar ben até obter unha mestura homoxénea.

4- Verter a mestura anterior nos moldes de muffins xa preparados e introducir no forno quente durante uns 45 minutos ou ata que se vexa que están feitos.

5- Unha vez fóra do forno, déixanse arrefriar completamente e bótase por riba, con axuda dun coador fino, un pouco de azucre glas.


PUNTUALIZACIÓNS:
- A autora da receita inclúe ademais un icing (cobertura). Eu non son moi amigo de coberturas, polo que me limito a botar un pouco de azucre glas por enriba. Se se quere facer a cobertura, faise mesturando 3 culleradas de infusión de macela, 1 cullerada de zume de limón e 160 g de azucre glas (icing sugar). Debe quedar cunha textura de pasta branca. Se queda demasiado líquida hai que botar un pouco máis de azucre glas na mestura. Unha vez feita a cobertura, hai que esperar a que os muffins arrefríen uns 15 minutos, e estender a cobertura por encima con axuda dunha culler.

- Hai que lembrar que os moldes de muffin non son os moldes de papel que se usan para as madalenas (os muffins NON son madalenas, aínda que se lles parezan). Os moldes de muffin son máis fortes, máis consistentes que os de madalena porque a masa dos muffins tamén o é. As madalenas son moito máis lixeiras e esponxadas. Eu uso moldes de silicona: son o suficientemente consistentes e ademais son reutilizables.


Uns muffins deliciosos, suaves, tenros e, sen ningunha dúbida, moi dixestivos.