domingo 20 maio 2012

Muffins de chocolate con cenoria

Hoxe volvo aos muffins, e outra vez aos muffins publicados por Harry Eastwood no seu libro Red Velvet Chocolate Heartache: Muffins de chocolate con cenoria.


Para aqueles que non estean moi familiarizados cos muffins, hai que lembrar que estas sobremesas NON son madalenas; de feito, só se asemellan ás madalenas na forma, que nin sequera en tamaño, aínda que teño que recoñecer que os que eu fago adoitan ter o tamaño dunha madalena. Polo demais, a masa dos muffins adoita ser máis compacta que a das madalenas, que é moito máis esponxada debido á simplicidade dos seus ingredientes. A masa dos muffins adoita levar froitos secos, froita deshidratada, ou algún outro ingrediente que fai que sexa máis contundente.

Do mesmo xeito que todas as sobremesas de Harry Eastwood publicadas anteriormente, tamén se trata neste caso duns muffins deliciosos e supersáns, xa que non levan nin chisco de graxa e nin chisco de fariña de trigo (o tema de se a fariña de trigo é sa ou non queda para outro día...), usando no seu lugar cenoria picada e fariña de arroz. A única graxa a ter en conta aquí é a manteiga de cacao que poida levar o chocolate, nada máis.


A palabra muffin (lido /ˈmʌfɪn/) deriva da palabra orixinal moofin, que parece ser unha adaptación da palabra francesa moufflet (pan suave). Os muffins de chocolate son, quizais, os máis coñecidos e apreciados da extensísima variedade de muffins que se poden facer ou atopar no mercado.

Muffins de chocolate con cenoria

INGREDIENTES(para uns 12 muffins):
- 3 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 180 g de azucre moreno (eu metade azucre, metade panela)
- 250 g de cenoria finamente picada
- 2 culleradas de café forte (ou de auga fervendo)
- 120 g de fariña de arroz
- 50 g de fariña de améndoas
- 40 g de cacao en po de boa calidade
- 2 culleradiñas de fermento sen aluminio
- Un chisco de sal
- 100 g de chocolate en anacos pequenos


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Sacar a bandexa do forno e dispor encima dela os moldes dos muffins.

2- Nun bol amplo, bater coas varillas eléctricas os ovos co azucre durante 4 minutos, ata que estean montados e espumosos. Con axuda da picadora picar finamente a cenoria e engadila á mestura de ovos e azucre xunto co café. Mesturar ben.

3- Engadir ao bol a fariña de arroz, a fariña de améndoas, o cacao en po ben peneirado, o fermento e o sal. Mesturar.

4- Engadir en último lugar os anacos de chocolate e volver mesturar todo ben.

5- Verter nos moldes de muffin até case o bordo e meter no forno quente durante uns 40 minutos ou ata que se vexa que están cocidos.


PUNTUALIZACIÓNS:
- Se os nenos van comer estes muffins, ou se simplemente non nos gusta o café, é mellor prescindir del e optar por engadir auga á masa.

- Se as cenorias son frescas non é necesario pelalas. Bastará simplemente son lavalas ben e quitarlles a parte de arriba.

- En lugar de partir os anacos de chocolate para engadir á masa, o máis cómodo é usar pingas de chocolate que xa se venden no supermercado. No meu caso uso pingas de chocolate negro e pingas de chocolate branco da marca Valor. Nalgunha ocasión utilicei Lacasitos, aínda que as cores non quedan demasiado ben despois de pasar polo forno, pero é outra opción...

- A quen lle guste o chocolate, pódese incrementar a cantidade de anacos de chocolate, pero sen exceder os 150 gramos.

- A receita orixinal usa azucre Demerara, que é un azucre sen refinar, de gran groso e con pouca humidade. Se non se atopa este tipo de azucre pódese usar azucre moreno (do azucre moreno de verdade, o que non foi coloreado artificialmente), ou azucre branco refinado. No meu caso utilicei azucre branco ecolóxico mesturado con panela a partes iguais (90 g + 90 g).

- Asimesmno, a receita orixinal propón un tempo de cocción de ao redor de 25 minutos. No meu forno necesitan 40 minutos. Os tempos de cocción débense axustar a cada forno porque cada forno é un mundo.

- Os moldes que eu uso son os de silicona reutilizables, que son máis cómodos para a elaboración de muffins. Se se usan moldes de papel, é mellor utilizar dous moldes por cada muffin debido á consistencia da masa, e ademais axudará a que non se queimen no fondo. Tamén se pode usar unha bandexa especial para muffins, con 12 ocos.

- O cacao ha de ser sen azucre, e de boa calidade. Eu uso cacao en po ecolóxico e de Comercio Xusto.

- A autora da receita pon un topping de crema de chocolate que eu obviei. A quen lle guste pódeo pór.


O resultado desta receita son uns muffins húmidos, tenros, e cun intenso sabor a chocolate. Ideais para o almorzo ou para a merenda, sobre todo polo sans que son.

Saúde!!

domingo 13 maio 2012

Sfouf: pastel libanés de sémola con améndoas

Despois de case tres meses de ausencia de novas publicacións no blog, retomo cunha sobremesa típica libanesa: Sfouf.


O sfouf é un cake feito a base de sémola de trigo, cun pouco de cúrcuma que lle dá unha cor amarela intensa. Polo demais é moi similar a calquera outro cake.


Esta receita está sacada do libro El mundo en mi cocina, de Gordon Ramsay (Grijalbo, 2010)


A sémola é un tipo de fariña grosa (pouco moída) que se obtén a partir de certos cereais, como o arroz, a avea, o millo (polenta) ou, como neste caso, moendo o endospermo do trigo duro (Triticum durum). A sémola de trigo é o ingrediente principal na elaboración dalgúns pratos árabes tradicionais, como o cuscús ou o tabuleh, pero tamén é un ingrediente imprescindible na elaboración da pasta seca italiana. Como todas as fariñas é moi rica en hidratos de carbono, e ten un alto contido en proteínas.


A cúrcuma (Curcuma longa) é unha das especias máis utilizadas na gastronomía india, ademais de ser un dos compoñentes fundamentais do curry. É unha planta da familia do xenxibre e, do mesmo xeito que este, utilízase o rizoma. Debido á súa cor amarela intensa, orixinalmente utilizábase para tinguir tecidos, como a la ou o algodón, e para dar cor a algunhas partes do corpo, máis tarde comezou a usarse para dar cor aos pratos de arroz e de carne. Ademais de colorante téxtil e de condimento na gastronomía asiática, tamén ten importantes propiedades medicinais polas súas funcións antitumorais, antioxidantes, antiartritis, e antiinflamatorias, entre outras. Nos seus países de orixe pódese atopar o rizoma de cúrcuma de forma natural, pero aquí en España adoitamos atopala case exclusivamente en po.


Sfouf: pastel de sémola con améndoas


INGREDIENTES:
- 225 g de sémola fina
- 75 g de fariña
- 1/2 culleradiña de cúrcuma en po
- 6 g de fermento sen aluminio
- 225 g de azucre
- 275 ml de leite
- 1 ovo grande lixeiramente batido
- 100 g de manteiga lixeiramente salgada, derretida
- 1 chorriño de auga de azahar (ou de rosas)
- 25 g de améndoas fileteadas


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Engraxar un molde cadrado, preferiblemente desmontable, e preparalo para enfornar.

2- Nun bol botar a sémola, a fariña, a cúrcuma e o fermento. Remover ben coas varillas para que non queden grumos. Noutro bol botar o azucre, o leite, a manteiga derretida, o ovo, a auga de azahar e mesturar todo ben. Unha vez estea todo ben mesturado vértese todo no bol coa sémola e mestúrase ata que quede unha masa homoxénea.

3- Verter no molde preparado e esparcir as améndoas fileteadas por encima.

4- Meter no forno prequentado durante uns 35 minutos. Antes de sacalo, picar cunha agulla que deberá saír limpa. Deixar arrefriar uns minutos antes de desmoldealo.


PUNTUALIZACIÓNS:
- A receita que aparece no libro de Gordon Ramsay trae o dobre de cantidades, pero eu preferín facer a metade. De todos os xeitos, se se quere facer o dobre para que dure máis tempo, consérvase ben na neveira.

- En lugar de usar manteiga lixeiramente salgada, pódese utilizar manteiga normal á que se engadiu un chisco de sal.

- En lugar de améndoas fileteadas pódese utilizar calquera outro froito seco, como piñóns, pistachos, etc.

- A sémola de trigo é a mesma que se usa para facer pasta caseira. A que eu uso é sémola integral de trigo, ecolóxica, da casa Luz de Vida.

- Pódese glasear cun par de culleradas de marmelada de albaricoque, quentadas.

- Adóitase servir só, aínda que queda un pouco seco. O mellor é tomalo acompañado dun iogur espeso e asperxido con mel, para tomar á sobremesa un con té á menta ou cun café turco.


Saúde!!