venres 02 xullo 2010

Torta de millo de Guitiriz

Hoxe imos cunha sobremesa de lenda: a torta de millo de Guitiriz.


E digo de lenda porque existe unha lenda que nos "explica" a orixe desta sobremesa, que vén dicir o seguinte:

No lugar de O Boedo había unha cidade pola que pasou a Sagrada Familia en busca de acubillo. Chamaron ás portas de varias casas porque chovía incesantemente, pero ningunha llo quixo dar. Incluso un zapateiro arroxoulle unha forma a Xesús. Chamaron entón á porta dunha muller que tiña varios fillos. Todos eles estaban a chorar da fame que tiñan. A muller díxolles que só podía aloxalos pero non darlles de comer. Entón a Virxe díxolle á muller que collese cinzas do fogar e que amasase unha torta con elas. Ao principio, a muller foi reticente, e dicía que non se podería amasar nada cunhas simples cinzas, porque a masa non ligaría. Pero ante a insistencia da Virxe, a muller accedeu a amasar e cociñou unha torta coa que alimentou a todos os presentes. Ante a incredulidade da muller, a Virxe dixo que era tan seguro que aquela torta estaba feita de trigo como que o lugar de O Boedo desaparecería baixo as augas aquela mesma noite por non darlles acubillo. E así foi, á mañá seguinte todo o pobo desaparecera baixo as augas, ben, todo o pobo non, só quedou a salvo a casa daquela humilde familia.

Como vedes, é unha desas moitas lendas que falan de cidades desaparecidas baixo as augas debido á pouca hospitalidade da xente rica, e nas que sempre hai unha familia pobre que accede a dar acubillo ao necesitado, e que acaba salvándose das represalias de quen se supón que non ten ese tipo de sentimentos...

Guitiriz é un pobo da provincia de Lugo, famoso polas súas augas medicinais e o seu balneario, pero tamén por este doce do que hoxe falamos.

Se buscades esta receita atoparedes moitas versións e todas diferentes. Eu seguín a receita de delokos, pero adaptei as cantidades para 6 ovos porque a primeira vez que a fixen coa receita para 8 ovos desbordouse do molde ao subir no forno e queimóuseme parte da masa no fondo.

Torta de Guitiriz


INGREDIENTES:
- 110 g. de fariña de millo
- 110 g. de fariña de trigo
- 1 cullerada de glute de trigo (7 g.)
- 6 ovos medianos, preferiblemente caseiros ou ecolóxicos
- 150 g. de manteiga de vaca cocida
- 240 g. de azucre máis un pouco para botar por riba
- 10 g. de fermento Royal
- A reladura dun limón
- Un chorro de anís (licor)
- Un chisco de sal


PREPARACIÓN:
1- Prequentar o forno a 180ºC. Mestúrase a manteiga a temperatura ambiente co azucre, a reladura de limón e o anís, e bátese coas varillas ata que se forme unha masa homoxénea.

2- Vanse engadindo os ovos uno a un ata que estean ligados na masa. Engadir o sal.

3- Engadir as fariñas tamizadas, o fermento e o glute, e mesturar coidadosamente ata que non queden grumos.

4- Verter nun molde tipo coroa e botar un pouco de azucre por encima antes de meter no forno. Fornear durante 30 ou 35 minutos a 180ºC coa placa inferior e o aire.



PUNTUALIZACIÓNS:
- Pódese utilizar fariña de forza en lugar de fariña normal. Nese caso xa non será necesario engadir glute.

- Aquí en Galicia, a manteiga de vaca cocida pódese atopar con certa facilidade no supermercado na zona de refrixerados, aínda que non se atopa en todos. Véndena a granel, é dicir, envasada en anacos de diferentes tamaños.
Tamén se pode preparar na casa, para iso, simplemente ponse manteiga normal a lume moi suave e vaise sacando a escuma que vai aparecendo na superficie. Cando deixe de aparecer escuma déixase arrefriar. Solidificarase e xa estará lista para ser usada. Se non a atopades e tampouco vos apetece preparala, usade manteiga normal, aínda que o resultado non será o mesmo. Aquí poño unha foto onde se ve a diferenza entre as dúas manteigas:


A manteiga normal ten unha cor pálida, mentres que a manteiga cocida ten unha cor amarela máis intensa. Úsase normalmente para bicas, roscóns, etc.

- Pódese botar o azucre ou ben antes de meter no forno, como fixen eu, ou ben xusto despois de sacar do forno, como nos indica delokos. Eu prefiro botar o azucre antes para que se forme esa costra doce, como na bica, pero só hai que botar unha capa moi lixeira, porque se non, o peso do azucre fará que se afunda na masa ao subir.


- O anís ha de ser licor, non semente. Non vos preocupedes polo alcol, porque se evaporará dentro do forno.

- O molde que se debe usar é o de rosca, posto que é o típico deste doce.

- A cor amarela intensa débese principalmente a tres factores: a fariña de millo, os ovos caseiros e a manteiga cocida de vaca.


Como vedes, é unha sobremesa de elaboración moi sinxela, só hai que mesturar os ingredientes, verter no molde, meter ao forno e listo, e o resultado é francamente bo...

10 comentarios:

  1. Miña naiña que boa che quedou, vouna ter que copiar.

    ResponderEliminar
  2. Anímate a facela e xa me contarás...

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  3. Unha cousiña, no canto de empregar glute, pódese usar fariña de forza que xa leva o glute incorporado, non? Dígoo porque non teño glute e tampouco sei como conseguilo, nun herbolario??

    ResponderEliminar
  4. Se empregas fariña de forza xa non é necesario empregar glute (xa o di a primeira das miñas puntualizacións). É máis, supoño que nas panadarías de Guitiriz empregarán o que teñen máis a man, que é a fariña de forza, e pasarán do glute...

    Eu merco o glute nunha tenda de produtos ecolóxicos (emprégase sobre todo para a elaboración de seitán na casa) da marca Luz de Vida. Tamén se pode comprar on-line: http://www.saboresdecrianza.com/producto/gluten-de-trigo-bio-luz-de-vida-500-gr

    Se finalmente fas a torta xa nos amosarás o resultado, vale? ;)

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  5. Perdón lin as puntualizacións, pero esa paseina por alto, entretivenme na da manteiga.

    ResponderEliminar
  6. Non te preocupes, teño tanto rollo que non me extraña que pasaras iso por alto...haha

    ResponderEliminar
  7. ten unha pintaza. Que ben me viña un anaquiño para acompañar o café que estou tomando. Un saúdo.

    ResponderEliminar
  8. Pois facela, como podes ver, é do máis sinxelo. Merece a pena. Anímate e xa me contarás...

    Un saúdo ;)

    ResponderEliminar
  9. on revient de vacances en Galice et je suis contente de pouvoir faire découvrir ce gâteau typique! merci beaucoup!
    we come back from Galicia et I'm very happy to do this typically recipe! thank you!

    ResponderEliminar