xoves, 15 de agosto de 2013

Ensalada de allos porros con Bonito do Norte

Hoxe toca receita sinxela, das de tres ingredientes, das que se preparan rápido e cómense aínda máis rápido: Ensalada de allos porros con Bonito do Norte.

Poida que resulte estraña a utilización do allo porro na ensalada, pero neste caso, ao ser allo porro en conserva, ten unha textura máis branda que o allo porro ao natural, máis apropiada para unha ensalada.

O allo porro (Allium ampeloprasum var. porrum) é unha planta da familia das liliáceas, do mesmo xeito que o allo ou a cebola. O seu bulbo é branco e alargado e ten un sabor parecido á cebola, aínda que máis suave.

O atún branco ou Bonito do Norte (Thunnus alalunga) é unha especie de atún que pasa o inverno no Atlántico, na zona das Azores, e que desde finais de primavera até principios do verán desprázase até o mar Cantábrico. A campaña do bonito comeza sobre esta época e termina a finais do verán, polo que o verán é o mellor momento para mercalo, tanto se se quere consumir fresco como para facer conserva para todo o ano.

Atún branco ou Bonito do Norte.

Non se debe confundir esta especie co atún vermello (Thunnus thynnus), que se pesca sobre todo no Mediterráneo e no Atlántico oriental, nin co bonito (así, a secas) (Sarda sarda) nin co atún claro, nome baixo o que se agrupan varias especies (Thunnus albacares, Thunnus obesus, Euthhynnus pelamis) que se capturan basicamente en augas tropicais.

De todos os anteriores, os máis apreciados son o atún vermello e o atún branco (Bonito do Norte), aínda que que debido á crecente demanda de atún vermello (sobre todo dede Xapón) unido á pesca ilegal, o número de exemplares desta especie caeu drasticamente nos últimos anos. Por este motivo, algúns cociñeiros (Darío Barrio ou Sergi Arola, entre outros) decidiron sacar das súas cartas o atún vermello ata que esta especie mostre signos evidentes de recuperación. Eu tamén decidín achegar o meu graniño de area e non consumir esta especie na casa. (WWF España - Atún Vermello)

Ensalada de allos porros con Bonito do Norte

INGREDIENTES (para 2 persoas):
- Un bote de allos porros en conserva
- Un bote de pementos do piquillo
- Un bote de bonito en aceite de oliva virxe extra
- Vinagre de mazá

PREPARACIÓN:
1- Escórrense os allos porros nun coador amplo e esmáganse lixeiramente cos dedos para sacar o exceso de auga, aínda que con moito coidado para non esmagalos.

2- Colócanse nunha fonte. Sobre os allos porros colócanse os pementos cortados en tiras.

3- Ponse os anacos de bonito sobre a ensalada e aderézase co mesmo aceite do bonito e un chorriño de vinagre de mazá.

PUNTUALIZACIÓNS:
- A mellor parte do Bonito para este prato é a ventresca que, como o seu nome indica, é a zona inferior do bonito que vai desde a cabeza até o ventre. A ventresca contén 10 veces máis graxa que os lombos, polo que resulta moito máis zumenta.

- No meu caso utilicei o Bonito do Norte que preparamos o verán pasado no obradoiro de elaboración de conservas de Bonito do Norte organizado por Rubén, de Ni mata ni engorda, e que Alfonso López, de Recetas de Rechupete, explícanos paso a paso na súa páxina web, por se alguén se anima a facer conserva de Bonito do Norte en casa.

- Pódese engadir sal, aínda que no noso caso non lle engadimos, porque todos os ingredientes xa levan sal.

- O bote de allos porros que utilizamos ten un peso de 408 gramos (peso escorrido 251 gramos).

- As cantidades de allo porro, pemento e bonito, por suposto, van ao gusto.

Unha ensalada rápida e fácil, e coa vantaxe de que se poden ter todos os ingredientes en casa e preparala cando se nos antolle ou cando aparece xente na casa e queremos preparar algo diferente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario