mércores, 3 de xullo de 2013

Sanxenxo Degusta Tapas

O domingo día 16 de xuño tiven a oportunidade de asistir en Sanxenxo a un encontro de gastrobloggers organizado ao redor da IV edición do certame Sanxenxo Degusta Tapas, organizado polo Concello de Sanxenxo e por Turismo de Sanxenxo.

A edición deste ano celebrouse do 17 de maio até o 23 de xuño, e foi a edición máis numerosa en canto ao número de participantes e en canto ao número de tapas presentadas a concurso, posto que participaban un total de 34 establecementos e presentáronse un total de 79 tapas.

Aquí está a miña crónica do vivido (e sobre todo do comido) eses días.

Como cheguei o día anterior, xa puiden empezar a probar pola miña conta algunhas das tapas que se presentaban a concurso. Hei de dicir que, de entre todas as propostas, había tapas para todos os gustos. Sorprendeume a presentación do Sandwich de mar e do Canutillo de choco, do Paseo Gastrobar, aínda que logo o seu sabor non fose do todo bo. Gustáronme, pola súa sinxeleza, as tapas da Taberna Arca, especialmente as Cocochas de bacallau. Sorprendéronme tamén as tapas presentadas a concurso por La Taberna de Rotilio, non xa pola indubidable calidade das tapas deste ex estrela Michelín, senón pola inclusión d Trío de profiteroles salgados no grupo de tapas tradicionais, posto que a Sardiña afumada con tomate e queixo parmesano participaba como tapa creativa. A noite terminou cuns Cacahuetes ó sol, cóctel presentado a concurso na Cervecería Ámbitus (Sanxenxo) na modalidade de cócteles con alcol. Un cóctel moi doce aínda que agradable de beber, con base de crema de whisky, licor de abelá, cacahuetes triturados (ou quizais manteiga de cacahuete) e xeo picado.

Ao día seguinte, unha vez reunidos os bloggers participantes, Eugenio García de A cociña delokos, Rocío Garrido de La cocina de mi Abuelo, Anna Mayer de Annalibera, Jorge Guitián de Diario del gourmet de provincias y del perro gastrónomo, Fidel Martín de El turista cultural, e eu, dirixímonos ao porto de Portonovo, onde nos esperaba José Antonio Gómez, patrón maior da confraría de pescadores de Portonovo, quen nos explicou algúns aspectos sobre o funcionamento do porto pesqueiro, así como os diferentes tipos de artes de pesca que empregan os pescadores deste porto, como o cerco ou o xeito, ou as especies máis habituais que chegan aquí, como a sardiña ou a pescada.
José Antonio Gómez
Tamén tivemos a oportunidade de visitar a lonxa, que está en obras, e que, cando se termine, disporá dun lugar ao que poderán acceder os turistas para ver o funcionamento da poxa do peixe sen entorpecer a traballadores nin a compradores.

A seguinte visita foi a realizada á adega Eidos de Padriñán, tamén en Sanxenxo. Alí, da man dos responsables da adega, tivemos a oportunidade de visitar algunha das viñas das que saen as uvas coas que se elaboran os deliciosos caldos que tivemos ocasión de catar na marabillosa terraza da adega: Eidos de Padriñán, Veigas de Padriñán, e un sorprendente Contraaparede, madurado durante case 4 anos en cubas de aceiro.
Cata de viños en Adega Eidos
Todas as variedades son elaboradas con uva albariña 100%. Como se pode apreciar na foto, en plena floración.
Floración da uva albariña
Unha vez terminada a visita á adega, comezamos coa degustación das tapas presentadas a concurso. A primeira parada levounos a Todoababor (Portonovo). As tapas presentadas a concurso eran unhas Nécoras recheas, os Ovos Todoababor e, a mellor do tres, Guiso mariñeiro.
Guiso mariñeiro. Todoababor (Portonovo)
A seguinte parada, e sen saír de Portonovo, foi o Mar do Pintor. As tapas eran unha Brocheta de peixe, e unha Hamburguesa do Mar. As dous bastante boas, aínda que a esta última faltáballe algún ingrediente que lle dese algo de humidade.
Brocheta de peixe. Mar do Pintor (Portonovo)
A continuación fómonos até Sanxenxo, ao Restaurante Sabino, un lugar no que, aínda que non é lugar de tapeo ao uso, deleitáronnos cun delicioso Foie de rape con salsa mariña na categoría de tapa creativa, e uns non menos deliciosos Chipiróns recheos con salsa bilbaína na categoría de tradicional.
Foie de rape con salsa mariña. Restaurante Sabino (Sanxenxo)
Seguidamente, e sen saír de Sanxenxo, dirixímonos ao Bar Berberecho. As tapas deste local consistían nuns Ovos rotos con patacas novas e crocante de xamón, e nun Falso risotto de berberechos e queixo do Cebreiro. As dúas tapas estaban ben, aínda que a substitución de arroz por orzo (que é unha pasta seca con forma parecida a un gran de arroz) no falso risotto non acabou de convencerme.
Falso risotto de berberechos e queixo do Cebreiro. Bar Berberecho (Sanxenxo)
E por fin, xa a última etapa do noso percorrido levounos até o Ollares da Ría, nos arredores de Sanxenxo. Un restaurante cunhas vistas espectaculares sobre a ría de Pontevedra.
Ría de Pontevedra coas Illas Cíes ó fondo. Restaurante Ollares da Ría (Sanxenxo)
Alí puidemos degustar as tres tapas presentadas a concurso: Surtido de cogomelos e champiñóns encebolados, Carrilleira estofada con uvas confitadas ao tomiño limoneiro, e unha "Zamburguesa" sobre panciño de sésamo con cebola confitada, brotes tenros e guarnición de pataca. A zamburguesa non é máis que a curiosa combinación nunha hamburguesa de zamburiñas e carne de porco.
Zamburguesa sobre panciño de sésamo con cebola confitada, brotes tenros e guarnición de pataca. Restaurante Ollares da Ría (Sanxenxo)
Sacando forzas de onde non había, tomámonos a sobremesa, que consistiu nun Coulant de chocolate.
Coulant de chocolate. Restaurante Ollares da Ría (Sanxenxo)
E xa para terminar un cóctel que tamén se presentaba a concurso dentro da categoría de cocteis con alcol: Combinado de froitos do bosque.

Todas estas tapas que acabo de mencionar aquí, non son máis que unha pequena representación de todas as tapas que se presentaban a concurso. Probalas todas en dous días, obviamente, resultaría imposible. E o feito de que en cada edición do concurso non deixen de medrar tanto os locais participantes como as tapas presentadas a concurso, demostra o interese crecente, por parte tanto de hostaleiros como de clientes, nunha oferta cada vez máis variada e en produtos cada vez de maior calidade.

Aquí están os gañadores deste ano:
TAPAS:
- TAPA CREATIVA DO PÚBLICO: O Rincón dos Barcos, co Solombo en pincho con tetilla e uva doce.
- TAPA TRADICIONAL DO PÚBLICO: Bar Berberecho, cos Ovos rotos con patacas novas e crocante de xamón.
- TAPA CREATIVA DO XURADO PROFESIONAL: La Taberna de Rotilio, coa Sardiña afumada con tomate e queixo parmesano.
- TAPA TRADICIONAL DO XURADO PROFESIONAL: Lito Pescador, con Unha noite no muíño.

COCTEIS:
- CÓCTEL CON ALCOL DO PÚBLICO: Horus Coffee Drink, con Sangririnha Tropical.
- CÓCTEL SEN ALCOL DO PÚBLICO: Horus Coffee Drink, con Sunset Mojito.
- CÓCTEL CON ALCOL DO XURADO PROFESIONAL: O Rincón dos Barcos, Daikiri de sandía.
- CÓCTEL SEN ALCOL DO XURADO POPULAR: Me Da Igual Cocktail Café, con Yammy pineapple.

Noraboa aos gañadores!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario